Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo asina con Vivenda o acordo de expropiación dos terreos para o Parque Empresarial das Gándaras


# Xoves, 25/10/2007
O Alcalde salientou o importante que é que a xente de Lugo ¿decida, porque pode, facer aquí o seu proxecto de vida¿

“Comeza en Lugo un novo momento moi importante que temos que saber aproveitar”. Con estas palabras expresou o Alcalde de Lugo, José López Orozco, a satisfacción que sente por asinar coa Consellería de Vivenda o acordo polo que máis de 1 millón de metros cadrados de solo industrial -1.413.722- pasan a mans da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Plan sectorial do Parque Empresarial das Gándaras.

López Orozco, salientou que este Parque Empresarial “vai axudar ó despegue económico da nosa cidade, vai a fixar poboación, e así permitir que se faga realidade unha ilusión que me persegue: que a nosa xente teña opción de elexir entre quedarse aquí ou marchar...canto me gustaría que escollan quedar e fagan aquí o seu proxecto de vida”.

Para o Alcalde este é “un gran día para Lugo, que aumentará coa licitación da urbanización das Gándaras e máis aínda cando a primeira empresa se instale alí”.

Con este acordo o Concello da o paso definitivo para que o Parque Empresarial sexa unha realidade, logo da sinatura das escrituras de permuta entre Concello e Ministerio de Defensa, levada a cabo a comezos deste mes.


A Conselleira de Vivenda, Teresa Táboas asinou no libro de honra do Concello de Lugo: “Un día especial non só para Lugo, senón para toda Galiza a pedra do que será un futuro cheo de luz neste século que comeza para Lugo. A sinatura do solo entre o Concello e a Consellería donde se edificará o futuro parque empresarial das Gándaras, xerador sen lugar a dúbidas de benestar e riqueza”.

Posteriormente, no Salón de Plenos procederon á sinatura do acordo polo cal a Consellería de Vivenda obtén por mutuo acordo 1.413.722 mestros cadrados de solo, a cambio de 14.166.578 euros que pasarán ó Concello en tres prazos. López Orozco dixo sentirse “encantado” da colaboración existente, ”así é como se fan as cousas grandes”.

López Orozco quixo agradecer ós funcionarios do Concello “que traballaron para que isto fose unha realidade”, ós traballadores de Evislusa, e, “por suposto a Xestur Lugo e á Conselleira”.

Segundo explicou a Conselleira, unha vez adquiridos os terreos, a Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, licitará o luns 29 de outubro as obras de movemento de terras de todo o ámbito de actuación, 2,2 millóns de metros cadrados, e a urbanización da 1ª fase, cunha superficie de 876.000 metros cadrados. O 29 de outubro enviarán ó Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o prego de contratación destes traballos e a partir desta data as empresas disporán de 52 días para presentar as súas propostas na sede de Xestur Lugo.


A previsión é que estes traballos sexan adxudicados en febreiro de 2008 e as obras comecen en marzo do mesmo ano cun prazo máximo de execución de 24 meses, que se poderá reducir en función da capacidade técnica das empresas que se presenten ó proceso de licitación.

Teresa Táboas dixo que o movemento de terras de todo o ámbito comezará nestes terreos e en setembro de 2008 ampliarase ós 800.000 metros cadrados restantes, agora en mans de particulares, mediante expediente de expropiación. As obras de urbanización da 2ª e 3ª fase executaranse a medida que se complete a 1ª fase e a demanda de parcelas faga necesaria a urbanización do resto da superficie.

O prazo de solicitude de parcelas da 1ª fase comezará en marzo de 2008, e a previsión é que as parcelas estean listas para entregar no primeiro trimestre de 2010. Será de tres meses, rematando en xuño de 2008, e as empresas deberán presentar información sobre o proxecto empresarial a desenvolver, o investimento que conleva e o número de postos de traballo que estiman crear. Acudir a este proceso de solicitude de solo puntuará no posterior concurso público de compravenda de parcelas.


O Parque Empresarial das Gándaras terá unha superficie total de 2.135.512 metros cadrados, que unha vez urbanizados, albergarán 237 parcelas de diferentes usos –industrial, comercial e mixto- e tamaños. En concreto contará con 40 parcelas de 700 metros cadrados, 65 parcelas de entre 700 e 2.400 metros cadrados, 86 parcelas de entre 2.700 e 4.000 metros cadrados e 46 parcelas de máis de 4.000 metros cadrados.

Ademais este parque conta co valor engadido que lle dan as conexións coas principais vías de comunicación da zona.

Entre as infraestruturas e servizos do parque a Conselleira anunciou que contará con 18.000 prazas de aparcamento, 44.000 metros cadrados para albergar servizos e 387.000 metros cadrados de zonas verdes para favorecer a integración territorial do parque e favorecer a creación de espazos de lecer.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova