Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Comisión Especial de Estudo do Planeamento redacta as revisións do PXOM feitas polo grupos municipais


# Martes, 06/11/2007


O Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, deu conta dos asuntos tratados na Comisión especial de estudo do Planeamento que tivo lugar no Salón de Comisións da Casa Consistorial.

Esta Comisión especial reuniuse, segundo explicou o edil de Urbanismo, para revalidar os acordos adoptados polos grupos políticos nas distintas xuntanzas mantidas dende hai uns meses para analizar o PXOM. Está composta por responsables dos tres partidos con representación municipal e por persoal técnico do Concello.

Entre os acordos adoptados, e que forman parte das modificacións a introcudir no proxecto de revisión do Plan Xeral, como consecuencia das xuntanzas mantidas entre os grupos municipais, Liñares destacou o da eliminación do número de vivendas por hectárea en solo urbanizable.

Explicou que isto “permíteo na actualidade a Lei do Solo de Galicia e así o plan adáptase mellor ós tempos que corren en cada momento”. O que si matizou foi que este acordo será efectivo se non implica unha carga de traballo extra ó equipo redactor, que retrase os prazos previstos para a confección do novo documento urbanístico.

Tamén analizaron os núcleos rurais, e o responsable da área de Urbanismo dixo que os técnicos municipais non detectaron nada que precisase algún cambio. “A parcela mínima será de 600 metros por hectárea en núcleo, e de 800 en área de expansión. A lei do Solo permite conxuntos formados por 3 casas adosadas, nós restrinximos ese máximo a dúas para garantir parcelas máis amplas”. Explicou ademais que “se son parcelas moi cativas e moi estreitas e non permite o retranqueo de 6 metros que se marca, pódense poñer as vivendas pegadas logo dun acordo entre os veciños”.

A finalidade destas decisións, no que se refire a núcleos rurais, é garantir o “mantemento da tipoloxía tradicional”.

En canto á zona do Carme, Liñares dixo que se cumpriría a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que daba a razón a algúns propietarios da zona que reclamaban que o solo fose urbano, dato que non foi tido en conta no plan de ordenación urbana aprobado no ano 91. Dende a Comisión decidiron a modificación puntual expresamente para esos efectados, en cumprimento da sentenza.

Fernández Liñares explicou que lles suxeriron ás redactoras que, respectando o cumprimento desta senteza, comproben se é viable xurídicamente contemplar ó longo de Noriega Varela que sexa solo urbano consolidado.

O resto do solo será urbano non consolidado mantendo o compromiso adquirido polo equipo de goberno de construir unha gran zona verde e respectando as catas arqueolóxicas que se están a levar a cabo na zona.

A xuntanza rematou cun repaso xeral por parte dos técnicos municipais a todos os acordos adoptados polos tres grupos políticos, para comprobar que non había erros.

Fernández Liñares destacou que nesta xuntanza mantívose o mesmo tono de moderación e acordo que en todas as anteriores.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova