Imprimir

LUGO CONTARÁ CUNHA CASA DAS LINGUAS NO BARRIO DE AUGAS FÉRREAS


2/1/2007 Está destinada, nun primeiro momento, a rapaces entre 10 e 16 anos e funcionará polas tardes

O Alcalde, José López Orozco, presentou hoxe o proxecto de construcción dunha nova iniciativa cultural deste equipo de goberno que consistirá na primeira Casa das Linguas da cidade, que estará situada na rúa Estrada da Granxa.

Trátase dun local de 424 metros cadrados, que acollerá dentro de varios espazos diferenciados unha bibioteca, unha hemeroteca, unha videoteca, ordenadores con conexión a Internet, e un lugar para ver películas de vídeo, ademais doutros lugares destinados á conversación en dous idiomas.

O Alcalde explicou que a intención da Casa das Linguas é servir de lugar de reunión e de entretemento promocionando a práctica de dous idiomas comunitarios, o francés e o inglés.

“Non pretendemos facer a competencia a ningunha empresa. A parte teórica das linguas estase a impartir de xeito admirable na cidade, nós o que queremos é darlle aos nosos mozos a oportunidade de practicar a lingua para enriquecer o seu currículum,”, dixo Orozco.

O Alcalde explicou que o que se pretende é eliminar a idea de que se trata dun lugar de ensino, similar a un colexio, “porque non é eso, é un lugar de esparcemento e de ocio pero facendo as cousas noutro idioma”.

O Alcalde explicou que o proxecto foi redactado polo arquitecto Santiago Catalán aproveitando o local que lle corresponde ao concello na rúa Estrada da Granxa dentro do 10% obtido de aproveitamento urbanístico da zona.