O venres comezará de novo o curso de formación do profesorado Vivir xuntos, convivir, que organiza a Concellería de Educación do Concello de Lugo, que dirixe María Dolores Vieiro.
Dous eventos marcarán o inicio do curso. A primeira actividade será un curso a cargo de José María Avilés Martínez para profesores, de catro e media a sete e media da tarde.
Ás oito dará comezo unha charla do mesmo ponente, pero dirixida a pais. As dúas serán no Centro Social Uxío Novoneyra.
José María Avilés é unha das máximas autoridades do país nun tema de tanta actualidade como é o Bullying. Aínda que orientada ao público en xeral, a conferencia pode resultar de máximo interese para iniciarse no tema profesores, orientadores e cargos directivos dos centros que poidan ter que verse na necesidade de intervir con alumnado implicado nos casos de intimidación ou coas súas familias.
Este especialista, é doutor en psicoloxía e autor de traballos de investigación sobre a intimidación entre iguais e o comportamento de agresores e vítimas no bullying, divulgados ampliamentte a través de Internet, revistas educativas e nos cursos e charlas impartidos por todo o estado.
Ten publicado un libro sobre este particular: Bullying, el matrato entre iguales. Agresores, víctimas y testigos en la escuela, de Amarú ediciones.