Cargando....
Concello de Lugo
05/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentada a nova programación de Xadrez para tod@s 2007


# Xoves, 25/01/2007
O programa engloba sete actividades destinadas a pequenos e maiores

A principal novidade é a creación dun equipo de pais e nais

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, e o director da Escola Municipal de Xadrez, Pablo Castro Girona, presentaron esta mañá o novo programa de Xadrez para todarrobas 2007; que este ano conta coa colaboración de El Progreso, A Escola Luguesa de Xadrez e a Asociación Cultural Xaquedrum. Este ano acada a súa sétima edición e ten como principal obxectivo difundir a práctica deste deporte de estratexia, que como indicou a edil “axuda a adestrar a mente e a mantela áxil”.

A programación para este ano comprende distintas actividades que ofrecen como principal novidade a creación dun equipo de nais e pais para competir na Liga Federada de xadrez. Os integrantes do equipo son os participantes dos cursos de iniciación e perfeccionamento para pais que acolle a Escola de Xadrez.

A escola ofrece un total de seis cursos que rematarán no mes de xuño. Para os rapaces existe un nivel de iniciación e tres niveis superiores de perfeccionamento. As clases teñen lugar todos os venres, sábados e domingos.

Para rematar os cursos no mes de maio, celebrarase o Campamento final de Xadrez no Albergue Xuvenil de Gandarío e no que ao longo dunha fin de semana os rapaces gozarán compartindo a súa afección.

Outra novidade é o programa de Xadrez nos institutos que se desenvolverá de marzo a maio nos centros de ensino secundario da cidade. Estas clases son gratuítas e terán horario extraescolar.

Outra das iniciativas que máis éxito tiveron nas pasadas edicións é o Camiño do Scacorum que convoca a unha media de cen participantes en cada un dos torneos que engloba periodicamente ao longo do ano: Torneo do xadrez de Nadal, Torneo do xadrez do Entroido, Torneo do Xadrez de Semana Santa, Torneo Intercentros e Festa Final. Esta competición establece este ano seis categorías xa que se añadiu a Sub 8 coa intención de animar aos máis pequenos a coñecer o mundo do xadrez.

Como en anos anteriores repítese a cita dominical coa actividade do Scacorum e o Baúl Viaxeiro que convida a todos os lucenses a participar nos xogos do xadrez xigante, do xadrez convencional e do baúl viaxeiro. Estes xogos familiares se desenvolverán todos os domingos de xaneiro a xuño na Praza Maior de 12 a 14 horas e estarán guiados por dous monitores especializados.

O verán lucense volverá acoller actividades especiais programadas na Viaxe pola historia do xadrez que se celebrarán os martes e os xoves de xullo, agosto e setembro na Praza Maior e que tamén contarán coa presenza de dous monitores.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova