Imprimir

DOUS COLEXIOS TERÁN ESTA SEMANA ALMORZOS SAUDABLES


9/2/2007

s almorzos saudables, que celebra o Concello de Lugo dende hai catro anos, continuarán esta semana en dous colexios máis, unha vez que deran comezo o pasado día 15.

Este programa foi elaborado para concienciar a pequenos e pais da importancia de almorzar correctamente para render completamente no colexio. Esta iniciativa serviu de exemplo para un programa que desenvolverá o Ministerio de Sanidade en todo o territorio nacional.

Os colexios que participan esta semana no programa serán o Quiroga Ballesteros e o María Auxiliadora. Un total de 154 rapaces do primeiro centro tomarán o seu almorzo saudable entre o luns e o mércores. O segundo centro presenta 105 pequenos repartidos nas xornadas de xoves e venres.

Así, un total de 1.964 rapazas e rapaces de 6 a 8 anos beneficiaranse este ano do programa, que se desenvolverá en todos os colexios do Concello.

O programa segue a mesma dinámica que en edicións anteriores, aínda que como novidade o cacao que se reparte é das tendas de comercio xusto. De feito, unha persoa desta asociación participa no programa explicando aos rapaces a procedencia deste cacao e o funcionamento destas tendas.

Como en anos anteriores, repártense aos rapaces lápices e bolígrafos do programa, así como un CD con xogos para poder velo na súa casa cos pais e nos que a mascota do programa, Cunquín, lembra a necesidade de almorzar antes de ir ao colexio.