Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Teatro en inglés, hortos, arqueoloxía e a revista Intramuros, parte do programa do Concello para febreiro


# Xoves, 01/02/2007
Haberá novos cursos formativos tamén para mestres

A Concelleira de Educación, María Dolores Vieiro, presentou hoxe as actividades para o mes de febreiro promocionadas dende o Concello e dirixidas ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, e tamén ao público en xeral.

No mes de xaneiro comezou o programa “Hortas na escola”, dirixido aos estudantes de Educación Infantil dos CEIPs de Lugo, á Escola Infantil Fingoi nº2 e á Gardería Municipal Serra de Outes. Con esta actividade preténdese, a través do traballo ao aire libre, ver como medran as plantas grazas ao propio esforzo de plantar, cultivar e recoller os froitos, sendo unha actividade moi estimulante e educativa.

Para os alumnos e alumnas de 6º de Primaria, comezan as conferencias de arqueoloxía o 23 de febreiro, dentro do programa “Arqueoloxía na Escola”, impartidas por arqueólogos municipais e unha técnico da Concellería de Educación nos propios centros escolares.

En relación con esto mesmo, e tamén para Secundaria, este ano preséntase como novidade o programa “Intramuros: redescubrindo a nosa cidade”. É un percorrido que ten como finalidade coñecer algúns datos da historia da cidade, descubrindo a urbanística de Lugo noutras épocas e as incidencias na actual, como medio de coñecer máis a fondo a cidade e con outra perspectiva, contando con material didáctico no que se pode facer o percorrido. A segunda parte desta proposta consistirá na elaboración dun dossier no que se recollan as actividades propostas resoltas e un pequeno proxecto onde se presenten ideas para a mellora e respecto do casco histórico.

Para o alumnado de Secundaria, volve o Teatro en Inglés, que terá lugar a partir do 27 de febreiro no Auditorio Municipal Gustavo Freire, para 3º e 4º de ESO, con material didáctico para traballar nas aulas e as representacións tan novidosas e pedagóxicas que estimulan aos rapaces na aprendizaxe do inglés.

María Dolores Vieiro indicou que para o público en xeral, este ano continúa a “Aula de Teatro”, a desenvolver durante o presente curso escolar, no que se traballan aspectos intelectuais, afectivos e sociais a través de exercicios de expresividade, representacións e actividades, en diferentes centros sociais e IES de Lugo. Para o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, os alumnos e alumnas desta Aula de Formación Teatral, farán representación nos colexios da cidade.

Así mesmo, retómanse os cursos para o profesorado do programa “Vivir xuntos: convivir” , unha proposta do Concello de Lugo que conta con gran acollida e aceptación, coa finalidade de ofrecer á comunidade educativa unha serie de recursos orientados á mellora da convivencia, educando na tolerancia e na resolución de conflitos.

O programa conta con outra serie de actividades para o profesorado, como unhas xornadas sobre “Educar con retos: autismo e trastornos de desenvolvemento”, organizadas pola Escola Viva e que pretenden ofrecerlle ao profesorado estratexias de intervención para favorecer o proceso de aprendizaxe a este alumnado, así como facilitar técnicas e recursos para instaurar códigos alternativos de comunicación.

E seguindo a programación do presente curso escolar, seguen as actividades extraescolares nos CEIPs do Concello de Lugo, que se ofrecen de xeito gratuíto e o Programa de Xadrez presentado estes días.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova