Imprimir

CATRO COLEXIOS CONTINUARÁN COS ALMORZOS SAUDABLES


23/2/2007

Os almorzos saudables, que celebra o Concello de Lugo dende hai catro anos, continuarán esta semana en catro colexios máis, unha vez que deran comezo o 15 de xaneiro.

Este programa foi elaborado para concienciar a pequenos e pais da importancia de almorzar correctamente para render completamente no colexio. Esta iniciativa serviu de exemplo para un programa que desenvolverá o Ministerio de Sanidade en todo o territorio nacional.

Os colexios que participan esta semana no programa serán o Fingoi, o Divino Maestro e o da Milagrosa, os tres primeiros días da semana de xeito consecutivo, e os Maristas o xoves e o venres. Serán un total de 284 alumnos os que se beneciarán en conxunto esta semana.

Nesta tempada dos almorzos saudables participan este ano un total de 1.964 rapazas e rapaces de 6 a 8 anos cun programa que se desenvolverá en todos os colexios do Concello.

O programa segue a mesma dinámica que en edicións anteriores, aínda que como novidade o cacao que se reparte é das tendas de comercio xusto. De feito, unha persoa desta asociación participa no programa explicando aos rapaces a procedencia deste cacao e o funcionamento destas tendas.

Como en anos anteriores, repártense aos rapaces lápices e bolígrafos do programa, así como un CD con xogos para poder velo na súa casa cos pais e nos que a mascota do programa, Cunquín, lembra a necesidade de almorzar antes de ir ao colexio.