Imprimir

O CONSELLO VECIÑAL CELEBROU A PRIMEIRA REUNIÓN DESTE ANO


8/3/2007

O Consello Veciñal celebrou a primeira reunión deste ano o pasado mércores pola tarde. A cita reuniu á Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, cos restantes membros do Consello, que está formado por un representante de cada grupo político, un representante das asociacións federadas e outro das non federadas.

Luisa Zarzuela aproveitou para informar sobre o novo regulamento orgánico municipal do pleno que foi aprobado recentemente e atópase na fase de alegacións. Este cambio na normativa adiántase a nova Lei de Modernización municipal impulsada polo Estado, que tamén obrigará a crear un órgano de participación cidadá denominado “Queixas e suxerencias”. En previsión á nova lexislación, a edil propuxo a creación dun rexistro de participación do cidadán para facilitar que os lucenses poidan participar na política municipal a nivel individual.

Outros dos temas tratados foron as iniciativas municipais para fomentar o uso das novas tecnoloxías orientadas aos sectores de maior risco de exclusión tecnolóxica, como os maiores e amas de casa. A través dos programas “Lugo dixital” e “Lugo cidade singular”, o Concello ten previsto desenvolver accións formativas e de promoción do uso das novas tecnoloxías para acabar coa fenda tecnolóxica.

A Concelleira informou aos representantes das entidades veciñais sobre a vindeira convocatoria de subvencións e das novidades desta.