Imprimir

O CONCELLO PRESENTARÁ EN MAIO O PORTAL DE LUGO DIXITAL


14/3/2007 A Xunta de Goberno Local adxudicou esta mañá a posta en marcha do proxecto a Sun Microsystems

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, anunciou hoxe a adxudicación definitiva do concurso da asistencia técnica para o desenvolvemento, posta en marcha e mantemento do portal municipal Lugo Dixital a Sun Microsystems.

Segundo anunciou a Concelleira, colaborán no deseño deste gran portal as empresas Altia e Lugonet.

Luisa Zarzuela deu conta deste asunto aprobado en Xunta de Goberno Local asegurando que este portal suporá un cambio radical de imaxe da páxina web do Concello actual e servirá de plataforma para aglutinar todos os portais.

A adxudicación foi realizada nun prezo de 179.000 euros e conta con catro meses de traballo, co que as previsións indican que será presentada no mes de maio.

Os grandes cambios que suporá serán ofrecer máis información sobre o Concello aportando una carpeta cidadá na que se ofertarán un elevado número de servizos para realizar xestións sen necesidade de facer trámites nas oficinas de xeito persoal.

Ademais, este servizo disporá dun servizo de correo web ao cidadán que estará integrado no portal e que comezará a funcionar no momento da súa presentación pública.