Imprimir

ABRE UN NOVO CICLO DE CHARLAS PARA PAIS DO PROGRAMA APRENDER PARA EDUCAR


7/3/2007 Terá lugar no Centro Social Uxío Novoneyra,a partir das oito da tarde

A Concellería de Educación, dirixida por María Dolores Vieiro, e a Asociación Sociopedagóxica Galega, porán en marcha a próxima semana unha nova edición do programa “Aprender para educar”.

Trátase dunha serie de conferencias formativas para pais e nais do Concello de Lugo. A súa finalidade é servir de plataforma para adquirir novos coñecementos e para poñer en común inquedanzas e problemas que fagan que xurda unha dinámica de grupo que logre solventar moitas das dúbidas actuando como educadores dos fillos e fillas.

Como en anteriores edicións, estas charlas desenvolverán temas de interese e de actualidade nas escolas.

A primeira destas conferencias estará a cargo de Miguel Ángel Santos Guerra, que é catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Málaga. Nesta primeira conferencia plantexaranse o apoio aos educadores e educadoras buscando un ensino de calidade. Leva por título A favor da escola.

Serán un total de catro conferencias que abordarán outros temas como a Axenda 21 local, a alfabetización dixital e a estimulación temperá. Todos estas cuestións serán tratadas por especialistas de prestixio.

O programa das conferencias, que se celebrarán no Centro Social Uxío Novoneyra, pode consultarse na web municipal, www.lugo.es. Éstas terán lugar a partir das oito da tarde e o Concello oferta un servizo de gardería a todos aqueles pais e nais que desexen acudir ás conferencias.