A Concellería de Servizos Xerais, que dirixe Luisa Zarzuela, pecha mañá, venres, unha nova edición das xornadas de “Transtornos da alimentación: anorexia e bulimia”, que se levan a cabo nos institutos da cidade. Un total de 700 alumnos están a participar nesta nova edición, a cuarta, procedentes de nove centros de ensino de Secundaria.
As reunións informativas estiveron a cargo novamente de Ana Isabel Gutiérrez. Esta muller é licenciada en Psicoloxía nas especialidades de Clínica e Social e Traballo, ademais de técnico especialista en Transtornos da Conduta Alimentaria e Prevención de Drogodependencias.
A súa formación continuada e completa nesta especialidade permite a súa cercanía aos rapaces. Segundo explicou a Concelleira, todos os anos descóbrense casos de anorexia e bulimia durante as charlas.
As conferencias desenvolvéronse dende o luns e porán punto final a esta edición nos centros Leiras Pulpeiro, ás dez da mañá, e no Nosa Señora dos Ollos Grandes, á unha e media. Os rapaces reciben, como complemento ás charlas, unha carpeta informativa sobre estas dúas enfermidades.
Luisa Zarzuela tén explicado que a anorexia e a bulimia están presentes no 14% da poboación adolescente entre 14 e 20 anos, o que significa o 5% de toda a poboación en xeral. Indicou tamén que está a aumentar o número de casos porque comeza a ampliarse a franxa de idade de afectados, tanto en pequenos menores de 10 anos como en mulleres de entre 35 e 50 anos.
Ademais, a mortandade pode alcanzar o 10 por cento das afectadas e se fai crónica no 2% dos casos. Do mesmo xeito, estas enfermidades comezan a ter unha relevancia numérica tamén entre os varóns.