Cargando....
Concello de Lugo
14/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello formará gratuitamente nos barrios sobre o uso do ordenador


# Martes, 10/04/2007
A través do programa 'Conéctate en Lugo' convócase un concurso para familias dixitales

O Concello de Lugo iniciará a próxima semana unha campaña de achegamento aos cidadáns das novas tecnoloxías que leva por título "Conéctate en Lugo".

Trátase dunha campaña masiva de formación ao cidadán, dirixida a todos os públicos pero máis orientada a maiores de 55 anos ou a mulleres que non traballen fóra do fogar. Está relacionada coa posta en marcha do proxecto Lugo Dixital e Lugo Singular e está previsto que participan no mesmo máis de tres mil persoas.

Esta campaña formativa busca "a eliminación da brecha dixital existente na sociedade de Lugo e ao mesmo tempo formentar o coñecemento da informática a nivel de usuario por parte de toda a poboación", segundo explicou hoxe a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, na presentación desta iniciativa.

Segundo aclarou, non se trata de formación directa en forma de cursos e reglada, "o que busca é a cercanía co cidadán, o ti a ti". Para isto, un grupo de profesores con ordenadores acudirán aos distintos locais sociais de cada barrio e centros de reunión, onde asesorarán e iniciarán en temas informáticos a todos os cidadáns que o soliciten.

A formación dará comezo o luns día 16 deste mes e se prolongará até mediados do mes de xuño. En principio, teñen previsto comezar nas zonas de Piringalla e Garabolos e seguirán de xeito sucesivo pola Milagrosa, Albeiros, Paradai, Sagrado Corazón, As Gándaras, A Cheda, Residencia, Zona Centro, A Ponte, Fingoi, Aceña de Olga, San Antonio, Montirón, As Mercedes, Fontiñas e San Roque, ademais dos telecentros de Calde, Castelo, O Veral e Coeses.

Paralelamente a esta formación convócase un concurso co título "Forma a túa familia dixital", que ofrece como premio unha estancia nunha cidade con empresariado dixital, un tratamento completo nun SPA da provincia e unha cea no restaurante que se desexe.

Para participar neste concurso só é necesario a formación dunha familia dixital con tres membros, un dos que ten a obriga de ter máis de 55 anos ou ser muller non traballadora, e participar nesta acción formativa.

Os interesados en inscribirse neste curso poden facelo de forma totalmente gratuíta a través do 010 ou ao comezo da propia sesión no seu barrio. A información sobre o mesmo pode adquirirse, coma sempre, a través do teléfono de atención ao cidadán ou na web municipal, www.lugo.es.

A Concelleira explicou que Galicia ocupa o penúltimo lugar no listado de comunidades autónomas en manexo de ordenadores. De feito, a media española está en máis do 40% mentres que en Galicia é do 30%.

A Concellería realizou un pequeno estudo da situación na cidade sobre o uso do ordenador. Esta análise fíxose a través do teléfono 010 e a través da web. Pola primeira vía foron entrevistadas 254 persoas, o 72% mulleres e o 28% homes. O 40% indicaron que non teñen ordenador na casa e dos que si o teñen, no 39% dos casos úsano só os mozos. Restrinxido só aos adultos é o 30% dos casos.

Ademais, o 92% dos que posúen ordenador teñen tamén acceso a Internet, aínda que a gran maioría, o 41%, conéctanse como media unha vez ao día.

O 68% dos enquisados manifestaron a súa intención de adherirse ao programa gratuíto de formación posto en marcha polo Concello. Os datos extraídos da enquisa que estivo activa na web municipal difieren nalgúns puntos, sobre un muestreo moi parecido, de 273 persoas, sendo un 54% de mulleres.

Neste caso, un 96% dos enquisados afirman ter ordenador na casa e no 63,63% dos casos é toda a familia a que o utiliza. Así mesmo, o 83,76% ten conexión a Internet na casa e a maioría, o 42,20%, afirma conectarse máis dunha vez ao día. Ademais, o 80,51% estaría disposto a recibir no seu fogar formación gratuíta en novas tecnoloxías.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova