Imprimir

ABRE A INSCRICIÓN PARA O TORNEO INTERCENTROS DE XADREZ


12/3/2007 Está organizado pola Concellería de Educación e aberto á participación de todos os CEIPs do Concello

Mañá, martes, abre o prazo de inscrición para participar no Torneo Intercentros de xadrez, organizado dentro do circuíto Camiño do Scacorum pola Concellería de Educación, a Escola Luguesa de Xadrez, a Asociación Cultural Xaquedrum e o diario El Progreso.

O Torneo Intercentros está dirixido a todos os CEIPs do Concello. Haberá unha única categoría e constará de tres fases: interna, zonal e gran final.

Na fase interna xogarase de xeito individual entre os membros dun mesmo centro, rematando o 14 de abril. De aí sairá o equipo representante do colexio para participar nas demais fases. A gran final disputarase ao mesmo tempo que a festa final do xadrez.

Poderán participar neste torneo todos os alumnos e alumnas que o desexen, entregando unha folla de inscripción ao monitor do colexio, a través do teléfono 657 974 937 ou no correo electrónico castruper@yahoo.es. O prazo de inscrición, que se abre mañá, remata o 20 de marzo.

Neste torneo estímase unha participación de 150 persoas, dato que se entende da asistencia rexistrada nos torneos celebrados en Nadal e Entroido.

Ademais, todos os domingos continúase coa actividade do scacorum e o baúl viaxeiro, que convida aos lucenses a participar nos xogos de xadrez xigante, xadrez convencional e na biblioteca itinerante da Concellería de Educación.

Esta actividade é totalmente gratuíta e desenvólvese a través dos mesmos organizadores que os torneos, todos os domingos na praza Maior.

Son dous monitores especializados os que guían esta actividade, na que participan pais e fillos de forma conxunta.