Imprimir

O PROGRAMA CONÉCTATE EN LUGO CONTINÚA ESTA SEMANA NOS BARRIOS DAS GÁNDARAS, DA ESTACIÓN E DO SAGRADO CORAZÓN


27/4/2007

O programa Conéctate en Lugo continúa esta semana nos barrios das Gándaras, da Estación e do Sagrado Corazón. O luns día 30 comezará os eu percorrido no Centro Social do Sagrado Corazón nunha sesión matutina, de 11 a 13 horas, e pola tarde de 17 a 19 horas.

Esta iniciativa, organizada pola Concellería de Servizos Xerais, está deseñada para fomentar o uso das novas tecnoloxías entre os sectores máis perxudicados pola brecha dixital como son os maiores, os inmigrantes e as amas de casa.

O programa, que contempla unha serie de actividades lúdico-formativas para achegar dun xeito fácil e útil Internet e o uso básico do ordenador aos participantes, comezou o pasado 16 de abril. Ao longo destas dúas semanas xa participaron máis de 170 persoas dos barrios da Piringalla, Albeiros, Garabolos e Milagrosa.



Grupos de maiores de 65 anos, de amas de casa, de mulleres inmigrantes, de nenos, de participantes do Proxecto Home e de adultos descubriron as utilidades de ocio, coñecemento e comunicación que ofrece a rede. Uns inmigrantes retornados de México e Arxentina tiveron a posibilidade de contactar cos seus familiares e ver fotografías dos seus netos e, ademais, percorreron os seus países a través da rede.

Outra das participantes puido cumprir o soño da súa vida de coñecer o Museo do Prado realizando unha visita virtual e contemplar as obras de arte; e outros dous maiores xa se mercaron o seu propio ordenador para continuar practicando na casa e poder navegar por Internet.