Cargando....
Concello de Lugo
05/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Pecha a exposición formativa para escolares sobre a figura de Mozart


# Mércores, 28/03/2007
O acto de clausura estará a cargo de escolares o venres no Círculo das Artes

O Centro Social Uxío Novoneyra pecha o venres unha programación elaborada para os escolares sobre a figura de Mozart. Este grupo de actividades, coordinado polo grupo Everest e organizado pola Concellería de Educación, contou coa participación de varios centros de escolares.

A programación consta dunha exposición sobre a figura do músico, na celebración do 250 aniversario do seu nacemento, e tamén da organización de talleres pedagóxicos a cargo do persoal do Museo Interactivo da Música de Málaga.

O venres chegará esta actividade ao seu final cun acto no que destaca a participación dos escolares. Así, alumnos de Paradai, Virxe da Soidade e Luis Pimentel actuarán durante a clausura deste programa que terá lugar no Círculo das Artes de once e cuarto a unha e cuarto.

No programa colaborarán os conservatorios de Música e Danza de Lugo e a Centro de Música do colexio Fingoi con diferentes interpretacións musicais.

Esta serie de actividades recoñece a figura de Mozart como un dos músicos e compositores máis destacados da historia da música occidental. Preténdese por tanto que os escolares de Lugo coñezan, admiren e gocen, á vez que aprenden, deste xenio da música.

A exposición sobre Mozart conta con carteis informativos-educativos da vida e obra de Mozart, así como outro sobre a música e os instrumentos.

As mañás, de dez a once e media, estiveron ocupadas polos grupos de escolares que visitaron a mostra e participaron nos talleres, que están dirixidos a rapaces de segundo e terceiro ciclo de Primaria. Por outra banda, de catro a nove da tarde, estivo orientado ao público en xeral.

Houbo dous talleres diferentes. O das mañás consistiu nun percorrido pola vida e obra de mozart, vinculándose as obras deste xenio coas concepcións musicais que demanda o profesorado de música: o son, as familias instrumentais, a escala musical, etc. Todo isto téntase conseguir a través un taller altamento interactivo, con grupos non superiores a 50 alumnos para potenciar a participación. Ten unha hora de duración.

Para lograr o efecto desexado preséntanse elementos individuais e sinxelos experimentos de física para captar a atención do escolar.

Pola tarde realizouse un taller de pulsómetro. Con este experimento pódese observar como as composicións musicais de Mozart, acompañadas de imaxes neutras, son capaces non só de alterar o estado psicolóxico e emocional do participante senón tamén de cambiar a súa percepción sobre as imaxes que recibe. Para isto, recóllense mediante un pulsómetro os rexistros do pulso cardíaco da persoa.

Na web municipal, www.lugo.es, poden consultarse os horarios así como as peculiaridades deste programa, que visita por primeira vez Lugo e que tivo en éxito espectacular noutras cidades de España e do resto de Europa.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova