Imprimir

JOSÉ PIÑEIRO SÚMASE AO TREN DA LINGUA


10/4/2007 Acompañou aos 600 rapaces que participaron na presentación desta nova edición de viaxes para escolares de Infantil e Primaria

O Tren da Lingua iniciou hoxe os seus percorridos dende Lugo para fomentar o uso do galego entre nenos de 5 a 8 anos de idade.

Desta estación de ferrocarril saíron preto de seiscentos cativos repartidos en tres viaxes. Na primeira saída contaron coa participación do escritor Paco Martín; o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro Díaz, e o director de Comarca de Caixanova, Jesús Fernández Vidal.

Tras a presentación, que tivo lugar na estación de ferrocarril de Lugo, os nenos viaxaron a Sarria acompañados de clows, contacontos e grupos de animación que amenizaron diversas actividades para incentivar aos nenos a expresarse en galego. Tamén déronlles a coñecer a historia do tren en Galicia e as súas vantaxes como medio de transporte público.

Caixanova organizará 45 viaxes en ferrocarril até xuño entre as principais cidades galegas e, ademais, escritores en lingua galega participarán no primeiro percorrido que saia de cada unha das estacións de tren. En Lugo, foi o escritor Paco Martín quen se dirixiu aos nenos.

Neste primeiro percorrido participaron perto de 200 alumnos do CEIP Monterroso nº1, o CEIP Mestre Pastor Barral, a EEI Fingoi nº2, o CPR San José e o CEIP de Meira. Esta iniciativa ten un triplo obxectivo, que é que os nenos descubran o pracer de viaxar en tren, que coñezan un pouco máis Galicia a través das súas fiestras e que se acheguen á cultura e idioma galego dunha forma activa e visual. Toda a comunicación cos nenos por parte dos animadores e coordinadores da viaxe é en galego para que os rapaces se familiaricen co idioma, fomentando unha actitude favorable e aberta sobre a práctica da lingua galega.

O Concelleiro de Infraestruturas destacou durante a súa intervención estes tres eixos de traballo e lembrou o carácter evocador que ten este medio de transporte. Así mesmo, invitounos a aprender e a pasalo ben.