Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Aula Multimedia do Castiñeiro rexistra máis de 1.600 usuarios e máis de cen actividades durante o mes de xullo


# Xoves, 26/07/2007


O pasado día 2 de xullo arrincou o programa Conéctate en Lugo en Verán organizado pola Concellería de Servizos Xerais cunha programación especial para os meses estivais. As actividades céntranse nas novas tecnoloxías e intentan compaxinar o ocio coa formación co fin de difundir o uso da informática e de Internet entre os lucenses.

Para o mes de xullo están programadas un total de 116 actividades gratuítas que contan con catorce usuarios de media. A aula está equipada con catorce ordenadores en total e un técnico que imparte as clases e supervisa a evolución dos alumnos. En cada actividade ocúpanse todos os equipos informáticos e nalgúns casos son compartidos por dúas persoas.

Conéctate en Lugo en Verán rexistrou un total de 1.624 usuarios no que vai de mes. O telecentro do Castiñeiro está aberto de 9:30 a 13:30 horas pola mañá e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde e acolle sete actividades diarias dunha hora de duración.

O programa comprende tres áreas de traballo. Dunha banda están as Cápsulas Formativas, que suman quince accións formativas e parten dun nivel de iniciación á informática para ir avanzando progresivamente en aplicacións máis complexas das novas tecnoloxías.

Nestas cápsulas participan persoas de entre 35 e 70 anos que buscan aprender a manexar un ordenador e sacarlle o máximo proveito tanto para o traballo como para a vida cotiá.

Outra área formativa son os obradoiros que aplican o uso das novas tecnoloxías a actividades lúdicas. O obradoiro “Apoio á memoria co uso das TIC” vai dirixido aos maiores, que practican con xogos e probas de axilidade mental para mellorar as súa capacidade mental e mnemotécnica.

Para nenos de 3 a 7 anos deseñouse o taller de “Formación cidadá” no que a través de xogos de simulación aprenden valores cívicos. Mentres, os rapaces de 8 a 14 anos poden crear unha “Revista Dixital” de contidos e deseño realizados integramente por eles.

Tres veces á semana o telecentro acolle campionatos de Xogos en rede nos que participan maioritariamente mozos de entre 14 e 18 anos.

Este programa está gozando dunha gran acollida por parte da poboación como demostra o cheo diario que acada a Aula Multimedia do Castiñeiro. Conéctate en Lugo en Verán continuará ata o 14 de setembro e rematará coa celebración dunha “miniparty tecnolóxica”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova