Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Unha Maratón Tecnolóxica porá fin ao programa Conéctate en Lugo no Verán


# Martes, 11/09/2007


A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou esta mañá un balance do programa Conéctate en Lugo no Verán que remata este venres, día 14 de setembro cunha Maratón Tecnolóxica.

A edil destacou o éxito de participación nesta iniciativa que se centra nas novas tecnoloxías e busca compaxinar o ocio coa formación co fin de difundir o uso da informática e de Internet entre os lucenses. O programa, que comezou o 2 de xullo, organizou un total de 341 actividades gratuítas na Aula Multimedia de O Castiñeiro.

O telecentro está equipado con catorce ordenadores e un técnico especialista en informática foi o encargado de impartir as actividades. En cada unha das actividades estiveron ocupados todos os equipos informáticos e, gracias á instalación do wi-fi coa que conta a aula, puido ampliarse o aforo das clases, xa que algúns participantes levaron o seu propio ordenador.

Luisa Zarzuela explicou que o programa lúdico-formativo organizouse en 15 cápsulas formativas, 3 talleres e actividades de xogos en rede. As cápsulas formativas partiron dun nivel de iniciación para ir avanzando progresivamente en aplicacións máis complexas das novas tecnoloxías, pois están orientadas a que os participantes aprendan a manexar un ordenador e sacarlle o máximo proveito tanto para o traballo como para a vida cotiá.

Outra área formativa foron os obradoiros que aplican o uso das novas tecnoloxías a actividades lúdicas. O obradoiro "Apoio á memoria co uso das TIC" vai dirixido aos maiores, que practicaron con xogos e probas de axilidade mental para mellorar as súa capacidade mental e mnemotécnica.

Para nenos de 3 a 7 anos deseñouse o taller de "Formación cidadá" no que, a través de xogos de simulación, aprenderon valores cívicos. Mentres, os rapaces de 8 a 14 anos crearon unha "Revista Dixital" de contidos e deseño realizados integramente por eles e un blog colectivo no que colgarán información sobre o programa.
Tres veces á semana o telecentro acolleu campionatos de Xogos en rede nos que participaron maioritariamente mozos de entre 14 e 18 anos.

As idades dos participantes situáronse entre os 5 anos, do máis novo, e os 77 da máis veterana. Por porcentaxes a media de idades dos participantes é a seguinte:
- O grupo máis numeroso, co 33%, está comprendido entre os 20 e 40 anos de idade.
- Seguido, do grupo de persoas de entre 40 e 60 anos, que sumaron o 29%.
- O 20% dos participantes tiña menos de 20 anos de idade.
- E 18% dos participantes eran maiores de 60 anos.

Maratón Tecnolóxica
A concelleira anunciou a celebración dunha Maratón tecnolóxica que pechará o programa Conéctate en Lugo no Verán. A "miniparty" celebrarase o venres, 14 de setembro, entre as 9 e as 21 horas na Aula Multimedia do Castiñeiro.

Establécense dúas categorías de participación, ben a nivel individual, ben a través dunha Familia Dixital. Os únicos requisitos para conformar unha familia dixital é contar con tres membros como mínimo e que un deles sexa un maior de 55 anos ou traballe nas tarefas do fogar.

O prazo para inscribirse estará aberto ata as 14 horas deste xoves, día 13 de setembro, e os interesados en participar poden formalizar a inscrición a través do Servizo 010 ou nas instalacións da Aula Multimedia do Castiñeiro de 9:30 a 14:00 horas, pola mañá, e de 16:00 a 20:00 horas, pola tarde.

O programa da maratón inclúe unha "Ginkana web", que consistirá na resolución de preguntas e probas a través de Internet. Tamén facilitará a navegación pola rede e a participación en foros e chats. Asimesmo, celebrarase un concurso de "Caras divertidas" que consistirá no retoque dixital de fotografías dun xeito creativo.

Os participantes poderán compartir as experiencias do programa a través dun foro e colgarán os contidos das actividades do Conéctate en Lugo no Verán nun blog colectivo.

O premios para a categoría individual consistirá nunha cámara dixital, metres a Familia Dixital gañadora recibirá unha viaxe en catamarán polos Cañones do Sil.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova