Cargando....
Concello de Lugo
22/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O proxecto de empresa de auga do equipo de goberno propón a reinversión dos beneficios na mellora do servizo


# Venres, 26/10/2007
O Alcalde aclarou os datos reais que rodean a empresa mixta de auga

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, explicou os datos reais que conforman o proxecto de empresa mixta de auga “apoiándonos na lóxica clásica, hai un principio que di que do falso se segue calquera cousa”. López Orozco explicou que o BNG parte de datos falsos ó criticar o proxecto de goberno para a creación desta empresa municipal. “Non se trata de privatizar o servizo senón crear unha empresa mixta con capital municipal e capital privado na xestión. Non é como se fixo no Concello de Allariz onde si se fixo unha concesión de auga, é dicir unha privatización do servizo. Eu négome como Alcalde e como Alcalde socialista a facer unha concesión da auga”.

López Orozco explicou que os datos aportados polo voceiro do BNG non son reais e que non se poden extraer dos incluidos no informe que recolle o proxecto de empresa e que teñen os tres grupos políticos.

Segundo os técnicos municipais as cifras presentadas polo BNG presentan os custos dunha parte incompleta do ciclo da auga e ademais nos ingresos non teñen en conta as inversións en equipos e medios, as obras de mellora en infraestruturas e o imposto de sociedades.

Non hai reparto de beneficios, si reinversión no servizo
Coa proposta do equipo de goberno non hai reparto de beneficios “as plusvalías que dará a empresa mixta reinvertiranse na mellora do servizo de augas no Concello. O que queremos é que así mellore a xestión”.

Segundo o proxecto pagarase ó socio unha determinada cantidade pola xestión, que irá en relación coa mellora do servizo, pero non vai recibir beneficios da empresa, que se recuperarán para garantir a mellora do servizo na cidade de Lugo.

A idea defendida polo Goberno local é que a maioría do capital quede nas mans do Concello para permitir a entrada no futuro de empresas públicas que o desexen, ademais López Orozco destacou que non quere “hipotecar ós Alcaldes e Alcaldesas que me sucedan”.

Outro dato que deixou moi claro é que os traballadores do servizo de augas do Concello seguirán tendo os mesmos dereitos e poderán pasar á empresa se queren ou non “seguirán sendo traballadores do Concello”.

Para o Alcalde de Lugo é fundamental que os Concellos se modernicen, e os que o fan apostan por empresas mixtas “en Lugo queremos facer as cousas ben, estar entre o Concellos importantes”.

O modelo proposto polo Goberno non se da en ningún sitio de España xa que o control queda todo nas mans do Concello, non hai unha concesión.

Explicou que está diposto a negociar este proxecto e chegar a acordos positivos para a cidade. “Quen non saiba compartir en política, mellor que o deixe”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova