Cargando....
Concello de Lugo
04/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello organiza unha serie de actividades para fomentar o consumo responsable entre os lucenses


# Martes, 06/11/2007
Expertos en consumo impartirán charlas para empresarios, cidadás e nenos sobre temas de interese para o consumidor

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou esta mañá o programa de actividades deseñado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor para os meses de novembro e decembro deste ano.

A edil explicou que as actividades organízanse dacordo coa política do Concello de fomentar o consumo responsable entre os lucenses e de actualizar os seus coñecementos nesta materia achegándolles as últimas novas e reformas en normativas relacionadas co ámbito do consumidor.

Todos os xoves de novembro e decembro expertos profesionais impartirán charlas para empresarios, cidadás e nenos sobre distintos temas de gran interese para o consumidor. As conferencias agrúpanse en tres campos segundo os seus destinatarios: consumidores, empresarios e nenos.

Para os consumidores o Concello organiza catro charlas relacionadas coa telefonía, coas compras do Nadal, coa enerxía eléctrica e coas sucesións en Galicia, que son temas nos que os cidadás teñen moitas dúbidas e que acumulan gran cantidade de reclamacións como é o caso da telefonía móbil.

A maior parte das consultas e denuncias recibidas na Oficina Municipal de Información ao Consumidor desde fai anos son refrentes á telefonía, tanto móbil como fixa. Como proba, desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro deste ano a OMIC recibiu 105 consultas sobre telefonía móbil e 37 sobre a fixa, e 44 e 37 denuncias respectivamente. A edil explicou que tamén empeza a rexistrarse un incremento nas consultas sobre Internet, en especial sobre visitas a páxinas web de pago que incrementan a factura notablemente. Neste sentido a OMIC tramitou 17 consultas e 11 denuncias.

A primeira das charlas terá lugar este xoves, día 8 de novembro, baixo o título “Chamou vostede a… Novos camiños da telefonía en Galicia” e será impartida polo Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo ás 20:00 horas no Centro Social Uxío Novoneyra. Precisamente, este día entra en vigor a aplicación da nova normativa sobre a identificación das tarxetas de telefonía móbil.

O xoves día 15 de novembro, ás 20 horas no Centro Social Uxío Novoneyra, será a Presidenta da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Ana Olveira Blanco, quen ofreza unha conferencia titulada “Comprar por comprar no Nadal”, co fin de aportar aos lucenses unhas pautas de consumo responsable nunha época do ano na que se realizan compras de xeito masivo e carentes de necesidade.

O seguinte tema que se abordará está relacionado coa enerxía eléctrica e a Presidenta da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Ana Olveira Blanco impartirá a charla “Un pulso á electricidade: eficiencia enerxética”. Terá lugar o xoves, 22 de novembro, ás 20:00 horas no Centro Social Uxío Novoneyra.

A conferencia sobre “As sucesións en Galicia” pecha este ciclo destinado aos consumidores en xeral. O notario José Manuel López Cedrón será o responsable de achegar aos lucenses as modificacións que introduce a nova normativa en materia de sucesións. A charla terá lugar o 29 de novembro ás 20:00 horas no Centro Social Uxío Novoneyra.

Todas estas charlas son gratuítas e ao fin de cada unha delas entregarase un obsequio a cada participante.

Charlas para empresarios

Para os empresarios o Concello de Lugo programa unha conferencia sobre a Lei de Garantía de Bens de Consumo e unha mesa redonda sobre a Arbitraxe de Consumo. A primeira destas actividades terá lugar o xoves 13 de decembro ás 20:00 horas no Salón de Actos da Cel e será impartida polo Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo.

A mesa redonda sobre Arbitraxe de Consumo contará coa participación de representantes do Instituto Galego de Consumo, de Comercio e de Asociacións de Consumidores. Terá lugar o 20 de decembro ás 20:00 horas no Salón de Actos da Cel.

Para os nenos de entre 6 e 10 anos de idade o Concello ofrecerá unha serie de obradoiros impartidos por Ciencia Divertida co fin de educalos en hábitos de consumo responsable. Luisa Zarzuela sinalou a importancia desta iniciativa xa que eles serán os consumidores do futuro.

Cursos de Micoloxía

Doutra banda, a edil destacou o éxito de participación no curso de Micoloxía que empezou o pasado 5 de novembro e que conta con oitenta alumnos. Para o curso de nivel II xa están inscritas outras oitenta persoas e impartirase do 12 ao 18 de novembro. Estas actividades de formación en micoloxía culminarán o día 1 de decembro coa Xornada en Conturiz, na que os alumnos poñerán en práctica os coñecementos adquiridos acompañados e supervisados polo doutor en Veterinaria, Julián Alonso Díaz e responsable de impartir os dous cursos.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova