Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Educación e o Concello de Lugo colaboran na posta en marcha de dúas aulas de formación a distancia para maiores de 18 anos


# Venres, 04/05/2007
A máxima responsable da Administración educativa galega e o alcalde de Lugo asinaron esta tarde un convenio que permitirá o desenvolvemento no Concello lucense do proxecto Aula Mentor

En virtude deste acordo, as persoas adultas deste municipio poderán recibir formación a distancia a través das novas tecnoloxías deseñando o seu propio itinerario formativo

Posteriormente, Laura Sánchez Piñón inaugurou as I Xornadas sobre a ensinanza de camiños na educación viaria, que reúnen ata mañá na cidade de Lugo a expertos neste eido

A titular do departamento educativo galego salientou que “a educación e a formación son os instrumentos clave para concienciar á sociedade da necesidade de empregar boas prácticas na condución”

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; e o alcalde de Lugo, José López Orozco, asinaron esta tarde un convenio que permitirá o desenvolvemento no Concello lucense do proxecto Aula Mentor, polo que as persoas adultas deste municipio poderán recibir formación a distancia a través das novas tecnoloxías. Deste xeito, os cidadáns de Lugo disporán de dúas aulas, situadas no Centro Municipal de Empresas e Innovación e na Escola Municipal para o Emprego, dotadas dos recursos técnicos e informáticos necesarios para que o alumnado matriculado nas ensinanzas de Aula Mentor poida poñerse en contacto cos seus titores. Así, cada aula estará equipada con seis ordenadores conectados a Internet e unha impresora, como mínimo; e terá ao frente a un profesional que desenvolverá as funcións de administrador da Aula Mentor.

A máxima responsable da Administración educativa autonómica salientou que desde a Consellería “apoiamos todas as iniciativas destinadas a incrementar a oferta nos distintos niveis formativos como é, neste caso, a educación de adultos”. “Queremos ofrecer a todas as persoas maiores de 18 anos a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional”, subliñou Sánchez Piñón.

Aula Mentor é un sistema de formación aberta, libre e a distancia a través de Internet, promovido polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) para a formación de adultos. Ofrece máis de 100 cursos en liña con matrícula aberta e atención titorial próxima ao estudante, e na actualidade hai máis de 350 aulas deste tipo para a educación de adultos en funcionamento en España. En Galicia, estas aulas funcionan xa en concellos como Sada, Cee ou Oroso.

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria destacou que “a Aula Mentor é un instrumento ideal para a formación de persoal que queira retomar a aprendizaxe independentemente da súa idade; un sistema efectivo para o persoal titulado que precise actualizar os seus coñecementos e un método valioso no caso de desemprego”. “Todo isto é posible grazas ás novas tecnoloxías –engadiu Sánchez Piñón-, que aportan a flexibilidade necesaria para o colectivo de adultos”. Así, a máxima responsable da Administración educativa galega destacou que “o alumnado poderá deseñar o seu propio itinerario formativo, determinar o seu ritmo de traballo e distribuír o seu horario en función das súas ocupacións”.

Laura Sánchez Piñón salientou que “con este convenio que hoxe asinamos reforzamos o noso compromiso para o impulso das novas tecnoloxías en centros educativos e en formación aberta, libre e a distancia”.

O Proxecto Mentor, con cursos de formación non regrada a distancia a través de Internet, é un dos programas integrados no marco deste convenio que se está a desenvolver na rede de centros públicos de educación de persoas adultas da Comunidade galega. As aulas municipais que se crearán no Concello lucense terán a consideración de centro colaborador do centro público de educación das persoas adultas (EPA) Albeiros, de Lugo, na formación de persoas adultas de Aula Mentor.

I Xornadas sobre a ensinanza de camiños na educación viaria

Posteriormente, a conselleira de Educación inaugurou as I Xornadas sobre a ensinanza de camiños na educación viaria, que reúnen en Lugo ata mañá a expertos e formadores en materia de seguridade ao volante. Durante a súa intervención, Laura Sánchez Piñón destacou que “a educación e a formación son os instrumentos clave para concienciar á sociedade sobre a necesidade de empregar boas prácticas na condución”. Así, a máxima responsable da Administración educativa autonómica sinalou que “desde a Consellería de Educación puxemos a disposición dos docentes materiais educativos e unidades didácticas para formar aos rapaces nesta materia” e “colaboramos en campañas de seguridade viaria con charlas e conferencias nos centros de ensino da nosa Comunidade”.

“As aulas dos centros de ensino de Galicia son espazos de formación continua tamén en contidos como a educación viaria”, destacou Sánchez Piñón. Neste senso, a conselleira de Educación indicou que “a seguridade viaria se incorporou como contido transversal dos deseños curriculares nas distintas etapas educativas, un avance no panorama académico que permitiu orientar actividades de formación para profesores e actividades de prevención de accidentes entre a poboación escolar”.

Ademais, a máxima responsable do departamento educativo galego indicou que “a Administración educativa reforzou o seu compromiso nesta materia coa participación no novo Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2006-2010, presentado recentemente”, ao tempo que sinalou que a Consellería de Educación “tamén participa en campañas para adultos mediante cursos de formación”. “O obxectivo non é outro que instaurar valores e actitudes dos que se deriven comportamentos de respecto, tolerancia, convivencia e seguridade de todos os usuarios das vías públicas”, destacou Laura Sánchez Piñón.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova