Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Educación inviste máis de 1,4 millóns de euros nunhas pistas polideportivas que darán servizo a tres institutos lucenses


# Venres, 04/05/2007
A conselleira de Educación e o alcalde de Lugo inauguraron esta mañá as pistas polideportivas Cidade Cultural, emprazadas na Avda. Rodríguez Mourelo

Os alumnos dos Institutos de Educación Secundaria Politécnico de Lugo, Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes poderán facer uso destas instalacións

Sánchez Piñón visitou ademais o Colexio de Educación Infantil e Primaria Vicente Casabella, de Ourol, no que a Administración educativa executou obras de mellora investindo preto de 300.000 euros


A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, inaugurou esta mañá no Concello de Lugo as pistas polideportivas Cidade Cultural, emprazadas na Avda. Rodríguez Mourelo. Estas instalacións, nas que a Administración educativa galega investiu un total de 1.413.684 euros, darán servizo aos Institutos de Educación Secundaria Politécnico de Lugo, Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes. As pistas polideportivas contan cunha superficie construída de 11.075,80 metros cadrados e unha superficie útil de vestiarios de 149,15 metros cadrados.

A Consellería de Educación levou a cabo a través desta actuación a construción dunha pista para competir en todas as probas; así como un almacén baixo as gradas. Ademais, elimináronse as subdivisións dos vestiarios; instalouse un rego por aspersión automática no campo de fútbol, e unha iluminación composta de 2 torres e 20 proxectores.

O alcalde de Lugo, José López Orozco, que tamén estivo presente no acto de inauguración, propúxolle á máxima responsable da Administración educativa autonómica o establecemento dunha colaboración entre o Concello lucense e a Consellería de Educación para sacar o maior rendemento deportivo posible a estas instalacións, para que poidan ser utilizadas por todos os veciños do municipio e non soamente se queden no uso educativo.

Laura Sánchez Piñón sinalou que o seu departamento "se compromete a estudar esta posibilidade de cara a darlle o mellor uso a estas pistas polideportivas". Neste senso, a conselleira de Educación destacou a vontade da Administración educativa galega de "colaborar cos concellos que apostan pola educación, e Lugo é un exemplo deles".

Posteriormente, a titular de Educación visitou as dependencias do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Vicente Casabella, de Ourol, no que a Administración educativa galega realizou unha obra de adaptación por importe de 295.101 euros. Así, neste centro, que conta actualmente cunha superficie construída de 971,43 metros cadrados, concentrouse o funcionamento da escola nunha soa edificación, e trasladáronse a cociña, o almacén, o vestiario e o comedor á zona ocupada polo ximnasio.

Ademais, a Consellería de Educación levou a cabo a reparación da carpintería exterior e a modificación da fontanería e a electricidade. A obra de adaptación do CEIP Vicente Casabella tamén incluíu a reposición do valado exterior da pista de xogos, a colocación de beirarrúa no patio exterior, e o cambio da instalación de calefacción.

Máis de 7,2 millóns de euros no Concello de Lugo
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realiza este ano un investimento en obras no Concello de Lugo que ascende aos 7.250.000 euros. Algunhas das actuacións destacadas neste municipio son o novo centro de ensinanzas integrais de Lugo, ao que a Administración educativa achega en 2007 un millón de euros; e a reparación do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, que conta cun presuposto de 700.000 euros.

Ademais, o departamento educativo galego leva a cabo este ano a instalación de persianas e obras de seguridade no IES Lucus Augusti (23.352 euros); a reforma da sala de música e novo canalón no CEIP Virxe da Soidade (16.035 euros); obras varias no CEIP Paradai (35.550 euros); asistencia técnica e cuberta de pista no CEIP Illa Verde (30.553 euros); e obras na Escola de arte e superior de deseño Ramón Falcón (15.557 euros).


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova