Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Convocados os cursos de verán no Parque Infantil de Tráfico


# Venres, 08/06/2007
A Concelleira avanzou que o novo edificio do PIT estará listo para o próximo curso

A Concelleira de Educación, María Dolores Vieiro, e o Director do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa, presentaron a XI edición dos cursos de verán de Educación Vial, que se desenvolverán nas instalacións do PIT entre o 2 e o 27 de xullo.

Novamente, estes cursos están dirixidos á poboación moza de Lugo, entre os 8 e os 13 anos, para car e bicicleta, e entre os 14 e os 16 para ciclomotor. Formaranse para as clases grupos de non máis de 20 rapaces que recibirán formación teórica e práctica durante dúas horas e media. Cada grupo terá unha semana de clase e se formarán grupos en horarios de mañá (de 10:30 a 13:30 horas) e de tarde (de 17:00 a 19:30 horas).

A inscrición para estes cursos deberá realizarse entre o 11 e o 22 de xuño na oficina de Atención ao Cidadán, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico (na avenida Ramón Ferreiro). Será necesario entregar a fotocopia do DNI ou Libro de Familia e encher a solicitude. O listado coa formación dos grupos poderá consultarse o día 27 de xuño no taboleiro de anuncios do Concello, no Parque Infantil de Tráfico e na páxina web do Concello, www.lugo.es.

A Concelleira avanzou tamén que o próximo curso poderán utilizarse para a formación do PIT as novas instalacións que se están a construír no edificio colindante ás pistas.

Actualmente, as obras están moi avanzadas. Están facendo xa o arranxo do exterior de pedra do edificio. Dentro contará con dúas aulas e un salón de usos múltiples cun sótano que servirá de garaxe e almacén e un balcón con vistas á pista.

Dolores Vieiro indicou tamén que cos orzamentos deste ano e do próximo xuntaranse os cartos necesarios para comezar a cubrir as pistas. Nestes instres estase a estudar a mellor opción para protexer aos usuarios e respectar o contorno.

As obras está previsto que den comezo a mediados do próximo ano.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova