Imprimir

JOSÉ LÓPEZ OROZCO PIDE Á CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN QUE O SERVIZO DE TRANSPORTE ESCOLAR ATENDA TAMÉN Á ZONA RURAL


14/6/2007 Educación e Concello de lugo realizarán obras de adecuación de instalacións deportivas para o CEIP das Mercedes.

As Administracións asinaron esta mañá un convenio de colaboración que mellorará as infraestruturas deportivas deste centro, ao tempo que permitirá o desenvolvemento de actividades de carácter municipal fóra do horario lectivo.

O Alcalde de Lugo en funcións, José López Orozco, e a Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá a execución de obras de adecuación de instalacións deportivas no barrio de Montirón, o que permitirá dar servizo ao Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) das Mercedes. Ademais, as instalacións poderán destinarse a usos municipais en horario extraescolar. López Orozco pediu á Conselleira que o servizo de transporte escolar atenda tamén as necesidades das persoas que viven na zona rural.

A proposta do Alcalde xa obtivo moi boa acollida no rural. López Orozco afirmou que “non habería inconvinte en facer un esforzo económico por parte do Concello, xa que é un gran beneficio para a zona rural”. Na actualidade as 54 parroquias están atendidas polo transporte escolar, polo que sería posible ofrecer as prazas libres dos buses ós veciños para desprazarse á cidade.

Sinatura do convenio

Con respecto ó convenio asinado hoxe, o investimento global ascende a 420.000 euros, dos cales, cada Administración achegará a metade. O convenio permitirá a realización de obras no campo de fútbol do Polvorín, situado entre as rúas Montirón e Xosé Novo Freire, nas proximidades do CEIP das Mercedes, e propiedade do Concello de Lugo. O acordo pretende satisfacer as demandas da comunidade escolar da zona, sen que isto impida que as instalacións programadas se destinen a usos máis amplos e se poñan ao servizo dos colectivos deportivos municipais, mediante unha axeitada planificación da súa xestión.

Deste xeito, atenderanse prioritariamente as necesidades que presente a comunidade escolar da zona, especialmente do CEIP das Mercedes, que conta na actualidade cun total de 168 alumnos e alumnas, 49 de educación infantil e 119 de primaria. As actividades programadas polos centros educativos en horario lectivo terán prioridade, mentres que as actividades do Concello realizarase fóra deste horario. Ademais, o Goberno Municipal deberá ter en conta as necesidades dos centros educativos para programar actividades extraescolares, e levará a cabo un axeitado mantemento das instalacións, de forma que o uso fóra do horario lectivo non impida ou dificulte as actividades dos centros educativos da zona dentro do horario escolar.

A través deste convenio de colaboración, as Administracións, conscientes de que o incremento da práctica deportiva reclama dunha mellor dotación de infraestruturas, apostan polo fomento do ensino e da práctica da actividade deportiva na idade escolar.

Trala sinatura do convenio, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria saudou aos alumnos e alumnas que participaron no derradeiro Pleno Infantil do Concello de Lugo deste mandato.