Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Conselleira de Educación e o Alcalde de Lugo concretan a construción dun centro de ensinanzas integradas en Albeiros


# Luns, 30/07/2007
Sánchez Piñón quixo presentarlle ó Alcalde o programa de actuacións da súa Consellería en Lugo e coñecer as necesidades da cidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo unha xuntanza coa Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, para coñecer os proxectos previstos por esta Consellería na cidade de Lugo.

A Conselleira quixo ademais coñecer por boca do Alcalde lucense, as necesidades da cidade en materia educativa. Este xesto foi agradecido por López Orozco “é un comportamento tan democrático, que debe ser destacado, por iso quero agradecerllo sobremaneira”.

A xuntanza, que durou algo máis dunha hora, serviu para poñer sobre a mesa novos proxectos e tamén a continuación dalgúns comezados con anterioridade.

Entre outros temas, concretouse xa a construción dun Centro Integrado de Formación Profesional no barrio de Albeiros. Sánchez Piñón, anunciou que a principios de outubro se asinará o convenio, polo que no ano 2008 comezarán as obras.

Con este novo centro, Galicia contará xa con 15, converténdose na segunda Comunidade Autónoma -despois do País Vasco- con maior número deles. Para a Conselleira son os “centros do futuro xa que terán todos os sistemas de formación: regrada, ocupacional e continua”.

A ubicación deste novo centro permitirá cumprir un dos obxectivos de José López Orozco que é dinamizar os barrios, neste caso o de Albeiros. A Conselleira salientou ademais a importancia da proximidade do novo centro ó Polígono Industrial do Ceao “o que permitirá o contacto co sector empresarial e productivo da cidade que son os fundamentais”.

Laura Sánchez Piñón tamén lle anunciou ó Alcalde o comezo de obras no CEIP Luis Pimentel e Rosalía de Castro para mellorar as instalacións e contar cun servizo de comedor, espazos deportivos e formativos e a mellora da accesibilidade.

Convenios de colaboración
Para setembro anunciaron a sinatura de varios convenios, entre eles un que permita o uso público das pistas deportivas recentemente inauguradas, co que se garanta o fomento do deporte entre a cidadanía.

Outro Convenio será entre a Consellería e o Concello para a remodelación do Campo de Futbol do CEIP das Mercedes.

Doutra banda tamén falaron de acordos xa en marcha. En setembro renovarase o asinado con Educación, Concello e Consellería de Cultura para garantir o máximo servizo de comedor, actividades extraescolares e de apertura dos centros educativos. Con este novo acordo, segundo salientou a Conselleira, prácticamente xa se da cobertura ó servizo de comedores en todos os centros públicos da cidade e ademais increméntase o número de actividades extraescolares (ver anexo con actividades) .

Outro programa do que falaron o Alcalde e a Conselleira foi o Tes máis bus, proxecto posto en marcha en colaboración coa Consellería de Política Territorial e que comezou o ano pasado. Permite que as zonas rurais ás que non chega o transporte público poidan empregar o transporte escolar. López Orozco destacou que “este proxecto está garantido a falta do ok de Política Territorial, que seguro que o dará”.

A Conselleira tamén anunciou a implantación, para este curso, dunha nova titulación de Técnico Deportivo de grao medio en atletismo, que se impartirá no IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes. Haberá 5 novas titulacións para toda Galicia e unha delas impartirase en Lugo.

A ampliación do número de prazas de inglés nas Escolas Oficias de Idiomas foi outro dos temas tratados nesta xuntanza. O obxectivo, segundo explicou a Conselleira, é “que non quede ningunha persoa sen praza, é unha aposta importante cara a formación de linguas”. Neste senso o Alcalde destacou a boa acollida por parte da Conselleira dos proxectos de Casas das Línguas -neste momento xa está en obras a de Acea de Olga e en breve contratarase a da Piringalla- que en pouco tempo funcionarán na cidade de Lugo.

Bibliotecas abertas
Outro proxecto que trataron na xuntanza foi o das Bibliotecas dos centros educativos abertas a toda a cidadanía. Sánchez Piñón destacou que ”a idea é que os centros educativos sexan un motor no barrio, que se convertan en lugares de encontro e debate para nenos e adultos”.

Para por en marcha esta iniciativa o Concello facilitaría os monitores e a Consellería, coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, reforzaría os fondos bibliográficos.

Entre os centros que formarán parte do proxecto estarán os integrados no Plan de Bibliotecas cofinanciado co Ministerio de Educación e Ciencia, e os dos barrios máis alonxados do centro da cidade.

Uned
A posta en marcha dun Centro da UNED en Lugo, tamén estivo presente nesta xuntanza. O Alcalde reiterou o compromiso do Concello e o da Consellería para levalo a cabo, e anunciou que no primeiro encontro oficial co Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, plantexará este tema ó novo goberno provincial. “É un compromiso da señora Conselleira que mantén, e un compromiso do Concello que mantemos. Estou esperando que se forme o goberno provincial, e sabe o señor Presidente da Deputación que o día que o vaia a ver lle vou a plantexar este tema a ver se o desbloqueamos”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova