Imprimir

O ALCALDE DE LUGO E A CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN INAUGURAN O VIII INFORENSINO


14/9/2007 As xornadas serán toda a fin de semana do 14 e 15 de setembro no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco e a Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, inauguraron a VIII edición das xornadas de Inforensino.

O Alcalde quixo destacar a importancia deste encontro de profesores que reúne na cidade de Lugo a máis de 200 profesionais da ensinanza que acceden a cursos de formación para modernizar os seus coñecementos. "Demostran unha vez máis o compromiso real do profesorado galego de mellorar a súa formación o que redundará na formación doa máis cativos".

López Orozco salientou que, aínda que os Concellos teñen poucas competecnias en materia educativa, o de Lugo seguirá colaborando en todo o que poida "queremos estar, seguir apostando pola educación, iso si, con toda a humildade do mundo, as nosas aportacións económicas son máis limitadas, pero as ganas de colaborar son totais".

O Alcalde dixo que o equipo de goberno traballará para que Lugo "oferte as mulleres e homes mellor formado, que compitan nungha sociedade global e que o fagan nas mellores condicións, iso só se consegue co ensino". Por iso, quixo destacar que dende o ano 99 os orzamentos municipais aumentaron en Educación un 217%.

Concello de Lugo: Cidade Dixital
As xornadas contaban hoxe cunha ponencia na que o Concello de Lugo era protagonista absoluto: Concello de Lugo. Cidade Dixital. Consistía nunha presentación do funcionamento do Programa ABRED, incluído no proxecto Lugo Dixital e do que o Concello de Lugo é pioneiro.

Trátase dun proxecto que permitirá ás nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que están hospitalizados ou en fase de recuperación nos seus domicilios e que, pola súa situación de enfermidade non poden asistir ó colexio, recibir información de forma virtual. Isto axudará a evitar fracasos escolares e permitirá ós cativos seguir en contacto coa súa formación incluso en períodos de convalecencia hospitalaria.

O Alcalde lucense rematou agradecendo a presenza de tanta xente do ensino, "síntome identificado con vostedes, eu estiven nesas mesas moitas veces", e da Conselleira de Educación, que un ano máis "amosa a aposta decidida da súa Consellería pola formación do profesorado".

A Conselleira de Educación resaltou tamén que a alta participación neste Inforensino é a proba "do compromiso dos docentes por mellorar a súa formación". Compromiso que, dixo, se evidencia tamén no traballo feito pola Xunta de Galicia na mellora de infraestruturas educativas e no incremento do número de ordenadores por alumno.