Cargando....
Concello de Lugo
16/01/22
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acollerá unha exposición sobre a realidade do deporte en África


# Mércores, 07/03/2007
A mostra encádrase dentro do programa de actividades paralelas á Copa de España de Fútbol Sala

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, presentou a exposición “Camiño a Africa 2010” que o Concello achega a Lugo en colaboración coa Fundación Rede Deporte e Cooperación e co Clube Azkar Lugo. O edil estivo acompañado polo representante da Fundación Rede Deporte e Cooperación, Carlos de Cárcer, e o Xerente do Clube Azkar Lugo, Óscar Hermida.

Esta actividade está encadrada no programa de actividades paralelas á celebración da final da Copa de España de Fútbol Sala que terá lugar na cidade entre os días 15 a 18 deste mes. A exposición recolle unha escolma de obras de arte e de obxectos cotiás relacionados co deporte, que elaboran de xeito artesanal os africanos para poder practicalo.

A exposición estará albergada nunha carpa ubicada xunto ao Pazo Provincial dos Deportes e permanecerá aberta entre os días 15 a 18 de marzo. O representante da Fundación Rede Deporte e Cooperación, Carlos de Cárcer, manifestou que esta mostra achega unha faceta da vida en África descoñecida para os occidentais.

O edil destacou o labor de sensibilización destas iniciativas, pois serven para dar a coñecer as diferencias entre os países desenvolvidos e os do Terceiro Mundo e concienciar a xente dos graves problemas que sofren millóns de persoas para satisfacer as necesidades básicas.   
 
Outra das actividades programadas na celebración deste acontecemento deportivo, é o cinefórum “Deporte e valores” coa proxección da película “Quero ser como Beckham”. Esta iniciativa vai destinada a todos os escolares lucenses e aos amantes do deporte e contará coa presencia da gardameta da selección española de hockei-herba, Chus Rosa, que moderará o posterior debate sobre a integración feminina no mundo do deporte. Esta actividade celebrarase o luns día 12 ás 16:00 horas no Auditorio Gustavo Freire, é gratuíta e de libre acceso.

Ademais destas accións, ao longo dos partidos realizaranse sorteos de camisetas oficiais dos principais equipos de fútbol da liga española e firmados polos xogadores máis importantes.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova