Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo convoca a XIII edición do certame literario Trapero Pardo


# Xoves, 20/09/2007
Rapazas e rapaces lucenses poderán presentar os seus contos e relatos cortos ata o 20 de novembro

A Concellería de Educación, que dirixe María Dolores Vieiro, vén de convocar a edición número 13 do Certame de contos e relatos curtos Trapero Pardo, no que, como todos os anos, as rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos poderán ter un contacto directo coa literatura.

O prazo de presentación de traballos está aberto e as distintas convocatorias están en todos os centros públicos, privados e concertados de Lugo. Cada participante poderá presentar un máximo de tres traballos por persoa antes do 20 de novembro.

Os contos deberán ser traballos inéditos, escritos en lingua galega, con tema libre e extensión non superior a dez páxinas. Presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara, a máquina ou a man. Os traballos enviaranse baixo lema á Concellería de Educación, situada no terceiro andar do Centro Social Uxío Novoneyra.

Haberá dúas categorías, a primeira para nenos de 12 a 14 anos, e a segunda, de 15 a 18. Entre os gañadores do primeiro grupo repartiranse premios valorados en 360 euros, ademais de lotes de libros, diplomas e medallas. No segundo grupo a cuantía dos premios será de 500 euros. Ademais, se o xurado considerase dignos de recoñecemento outros traballos, podería conceder algunha mención honorífica.

A resolución do xurado, integrado por persoas que desenvolven o seu labor no campo da cultura e da educación, farase público no mes de decembro.

O Concello de Lugo publicou no ano 2005 os traballos que foron gañadores no 2003 e 2004, e neste ano 2007 publica os gañadores do anos 2005 e 2006.

As bases deste certame están en todos os colexios, pero tamén poden consultarse na web municipal, www.lugo.es, ou dirixirse á Concellería de Educación por teléfono, 982 28 48 15, ou por correo electrónico, educacionarrobaconcellodelugo.org.

Máis información: http://www.lugo.es/concello/docs/Educacion/TraperoPardo2007.pdf




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova