Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello e a Deputación acordan comezar a traballar para traer a UNED a Lugo


# Xoves, 20/09/2007
O Alcalde mantivo unha xuntanza co vicepresidente primeiro da Deputación para tratar este tema

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu hoxe no Concello ó vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, para tratar diferentes aspectos relacionados coa posta en marcha da UNED na cidade de Lugo.

López Orozco, destacou a boa sintonía existente na actualidade entre as dúas administracións, “isto é o que ten que ser, o que nos piden os veciños”, e manifestou o seu completo apoio e disposición para que a Universidade a Distancia chegue á cidade.

O Alcalde dixo que o tema estrela da xuntanza foi o da UNED, “e estamos plenamente dacordo as dúas institucións para comezar a traballar para que no curso 2008-2009, se pode ser, poidamos ofertar ó conxunto da provincia estudos universitarios a distancia”.

Para o mandatario lucense é importante que esta formación se poña ó servizo de toda a provincia, se “Lugo mellora a provincia mellora e iso sempre nos beneficiará a todos”. Este carácter provincial da UNED foi compartido tamén polo Vicepresidente.

Curso 2008-2009

López Orozco dixo que se se comeza a traballar dende todas as institucións implicadas, é posible “que se poñan en funcionamento algunhas titulacións para o vindeiro curso, así mo dixo o vicerrector da UNED na reunión que mantivemos hai uns día”.

Neste momento hai arredor de 1.000 lucenses matriculados neste servizo de formación a distancia, que recurren ás sedes doutras provincias galegas para estudar.

O Alcalde de Lugo anunciou que en breve haberá unha xuntanza entre representantes das dúas institucións e dela sairá unha Comisión que determine os traballos que hai que facer. Esta comisión será tamén a que decida a súa sede final.

O vicepresidente primeiro agradeceu ó Alcalde “a agradable recepción e reunión mantida”. Explicou que aparte do tema da UNED tamén falaron doutros temas importantes para a cidade e a provincia e temas pendentes que hai que solucionar.

O Alcalde e o vicepresidente trataron por exemplo, o tema da creación dun Patronato provincial de Turismo. Suliñaron que as institucións deben traballar co fin de impulsar a importante e variada oferta turística da provincia

Outro asunto foi o da gardería do campus, que segundo explicou o Alcalde está pendente da aprobación do Plan Xeral.

Antón Bao tamén se referiu á accesibilidade do Museo Provincial “é un tema que estaba parado debido ás relacións pouco fluídas coa anterior Deputación, agora temos que buscar unha solución técnica que permita o acceso”.

Tanto López Orozco como Bao definiron a xuntanza como moi agradable e productiva e anunciaron que está prevista unha vindeira reunión entre representantes da UNED, da Universidade, da Consellería de Educación, do Concello e da Deputación na sede do organismo provincial.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova