Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo inaugura o XI Congreso Internacional de Proxectos de Enxeñaría no que debaterán sobre ordenación do territorio, desenvolvemento rural e proxectos de cooperación


# Mércores, 26/09/2007


O XI Congreso Internacional de Proxectos, que se celebra do 26 ao 28 de setembro na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, acollerá debates sobre a ordenación do territorio, o desenvolvemento rural, o medioambiente ou os proxectos de cooperación.

Á inauguración oficial do congreso, que se celebrou este mércores, asistiron o Alcalde da cidade, José Clemente López Orozco; a vicepresidenta da Deputación Provincial, Lara Méndez López; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o subdirector da Escola Politécnica Superior, Francisco Javier López González; o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, Juan Gabriel Álvarez González; o presidente de Asociación Española de Ingeniería de Proyectos (AEIPRO), Eliseo Gómez-Senent Martínez; e o presidente do Comité Organizador, Manuel Fco. Marey Pérez.

O Alcalde de Lugo deu a benvida ós máis de 200 congresistas que participan nestas xornadas. López Orozco destacou o papel mediador das administracións “só repartimos e investimos o que nos da a cidadanía e que menos que participar nun evento tan importante que ten detrás un gran esforzo”. O mandatario dixo que na medida en que a iniciativa privada e as administracións se poñen dacordo “mellorará a calidade dos proxectos”

López Orozco suliñou a súa profunda satisfacción ó ver o dinamismo investigador que está a darse no campus de Lugo da Universidade de Santiago “Lugo ten que destacar por ser a Cidade do Sacramento, da muralla e da universidade, esa é a súa esencia”.
Aproveitou ademais para recomendar unha volta polas rúas lucenses “o mellor que temos aquí é sen dúbida a nosa xente, dígano por aí”.

O vicerreitor de Coordinación aproveitou a ocasión para destacar a importancia dunha boa formación nos enxeñeiros e agradeceu a AEIPRO a confianza depositada na organización do congreso. Pola súa banda, o profesor Manuel Marey destacou o alto nivel dos traballos presentados o que, na súa opinión demóstrase coas publicacións destas investigacións en pretixiosas revistas do ámbito.

Tras o acto inaugural, a subdelegada xeral de coordinación do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, María Luisa Delgado Medina, interveu co relatorio de apertura sobre o ‘Novo Plan Nacional de Investigación Científica e desenvolvemento tecnolóxico’.

O traballo no congreso repártese en 4 salas diferentes, unha de plenarios dedicada aos debates sobre as diferentes áreas temáticas e outras 3 para as comunicacións dos expertos sobre os seus traballos. Este xoves a sala de plenarios comezará debatindo sobre a agroindustria ás 9:30 horas e medio ambiente e ordenación do territorio ás 12:15 horas. Pola tarde os participantes poderán discutir na mesma sala sobre desenvolvemento rural e proxectos de cooperación ás 16:15 horas, sobre seguridade e saúde ás 17:00 horas e sobre medio ambiente e desenvolvemento ás 18:30 horas.

En canto ás comunicacións dos traballos de expertos, a Sala 1 estará dedicada o xoves ao desenvolvemento rural e a proxectos de cooperación de 9:30 a 10:30 e á agroindustria de 12:15 a 13:45 horas. Na quenda de tarde analizarase nesa sala o medio ambiente e a ordenación do territorio de 16:30 a 19:30 horas.

Na Sala 2 estudarán durante a xornada do xoves a docencia e metodoloxías de formación a primeira hora e desenvolvemento rural na segunda quenda da mañá. Pola tarde abordarase a xestión de proxectos e a seguridade e xestión da calidade. Medio ambiente e ordenación do territorio ocupará a Sala 3 de 9:30 a 10:30, e a continuación, discutirase sobre a dirección de proxectos. Pola tarde agroindustria e desenvolvemento rural serán os temas a tratar neste espazo.

Ás 20:45 horas está prevista a recepción oficial do reitor da USC, Senén Barro, aos asistentes que a continuación realizarán unha visita ao Centro de Interpretación do Miño.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova