Comeza o luns unha nova edición das xornadas de achegamento ao tear tradicional
# Venres, 05/01/2007
Participarán nunha semana un total de 174 alumnos de catro centros escolares
O Concello de Lugo, a través da Área de Muller e Benestar Social que dirixe Carmen Basadre, dará comezo o luns ás IV Xornadas de achegamento ao tear tradicional e á artesanía da lá, enmarcadas no Programa de Animación Sociocultural para o primeiro bimestre do ano e organizadas polo Centro Social Municipal de Fingoi.
Nelas participarán un total de 174 alumnas e alumnos dos CEIP Anexa e Sagrado Corazón, do Colexio María Auxiliadora e do Centro de ASPNAIS de Lugo.
Desenvolveranse en dous grupos en horario de mañá (de 9:30 a 11:00 horas e de 11:30 a 13:00 horas) entre os días 8 e 11 e terán un carácter teórico-práctico.
O programa diario dará comezo cunha explicación por parte da monitora especializada nesta actividade, Carmen Rodríguez Álvarez, arredor de cuestións teóricas sobre o oficio tradicional de tecedeira e do proceso que seguían os antepasados para obter as prendas de vestir e do enxoval doméstico a partir de materias como a lá , o liño ou mesmo a reciclaxe de teas para tecer mantas.
A continuación, as nenas e nenos terán a oportunidade, dirixidos polas alumnas máis expertas dos obradoiros de tear do centro social, de experimentar eles mesmos nos teares tradicionais preparados ao efecto. Tamén poderán aprender a fiar ou cardar lá.
Ao mesmo tempo, na aula habilitada para as Xornadas exporanse prendas antigas e modernas elaboradas no tear, así como utensilios empregados para os diferentes labores.
Considérase que estas actividades engaden ás propias de animación sociocultural o valor de recuperación de oficios e costumes tradicionais en perigo de desaparecer no noso entorno. Ademais, xa en anos anteriores o resultado foi moi positivo, en especial pola elevada participación de escolares.
Compartir: