Cargando....
Concello de Lugo
25/11/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo contará coas novas pistas de atletismo da Cidade da Cultura en maio


# Martes, 13/03/2007
- Estas instalacións levaban máis de doce anos sen reformarse. - O Concello asinará un convenio de colaboración para o mantemento.

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, e o Delegado da Consellería de Educación, José Rábade Arias, visitaron as obras de acondicionamento e reforma das pistas de atletismo da Cidade da Cultura, situadas xunto ao edificio dos xulgados lucenses.

Estas pistas levaban máis de doce anos esperando por estas obras de mellora, as cales suporán dotar á cidade de novas infraestruturas para a práctica do atletismo de primeira categoría. As reformas están a ser acometidas pola Consellería de Educación e contan cun orzamento de 1.300.000 euros. O Delegado anunciou que as pistas estarán listas a principios de maio.

As intervencións consisten no repintado de todas as instalacións; rehabilitación das bancadas, portas e balaustres; substitución do solo por un firme de tartán -un material de última xeración-. Tamén se instalarán todos os servizos precisos para a práctica de todas as modalidades deportivas e será engadida unha rúa para correr, de xeito que os corredores disporán dun total de oito. Outras novidades son a habilitación de novos espazos de uso, como os tres almacéns para material deportivo que estarán á disposición dos tres institutos colindantes ou os novos vestiarios.

Unha das obras de maior utilidade será a instalación dun novo sistema de iluminación máis potente que permitirá o uso nocturno das pistas, o que servirá para ampliar o horario de uso e dar cobertura a máis usuarios. Respecto ás zonas verdes, replantarase o céspede e aplicarase un novo sistema de rego. Por último, o muro que pecha as instalacións xunto aos xulgados será decorado cun mural pintado polos alumnos das clases de debuxo dos institutos colindantes.

Convenio co Concello
O Concelleiro de Deportes salientou a importancia destas obras que supoñen recuperar unhas instalacións deportivas no centro da cidade e que van dar servizo a máis de 1.500 estudantes e a todos os atletas da cidade. O edil anunciou a próxima sinatura dun convenio entre o Concello e a Consellería de Educación para compartir as tarefas de mantemento das pistas e ampliar o uso a todos os lucenses fóra do horario lectivo.

Estas obras veñen completar o esforzo inversor do Concello por dotar a Lugo de instalacións deportivas de primeira categoría e, como dixo o Concelleiro, "isto é a guinda que lle faltaba a cidade en materia deportiva".


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova