Imprimir

O CONCELLO RECIBE O XOVES O PREMIO MILLENIUM POLA SÚA LOITA A FAVOR DA ACCESIBILIDADE


22/1/2007 Concédeo a Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña

O Concello de Lugo foi distinguido pola asociación Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña co premio Millenium século XX-XXI do ano 2006 polo seu labor exemplar na eliminación de barreiras arquitectónicas.

Este premio distingue todos os anos a organismos públicos e privados e tamén a persoas con estes galardóns en recoñecemento á súa labor a favor da integración e benestar das persoas con discapacidades físicas.

Nesta ocasión foron premiados tamén os Concellos da Coruña, Vigo e Vilalba, a Xestión do Plan Xacobeo (este polo patrocinio dos premios) e as Delegacións da Coruña das Consellerías de Vicepresidencia e de Traballo. Ademais reciben a distinción Pilar Rojo Noguera, Belén Prado Sanjurjo, Guillermo Grandío Chao, Concepción Varela Salgado e Xosé Castro Celeiro. Todos eles están vinculados coas administracións premiadas, a excepción do último, que é fotógrafo.

A entrega do premio terá lugar o xoves, a partir das doce e media, nun acto público que se celebrará no hotel Crunia, no Lugar de Fonteculler, en Culleredo. Por parte do Concello de Lugo estarán presentes os Concelleiros de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, e de Medio Ambiente, Lino González Dopeso.

Con este premio recoñécese por tanto o traballo realizado polo equipo de goberno para facer de Lugo unha cidade accesible. Foron varios os proxectos que se puxeron en marcha e que convertiron á cidade nun exemplo de cambio e que recibiu a final de ano o premio Reina Sofía.