Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Aberta a participación para o primeiro concurso de filloas e orellas que se celebrará o luns de Entroido


# Martes, 13/02/2007
As ociotecas estarán abertas o luns pola mañá

O Concello de Lugo mantén aberto o prazo de inscrición para participar o luns, día 19, no primeiro Concurso e Degustación de orellas e filloas. Esta convocatoria está organizada pola Concellería de Muller e Benestar Social, dirixida por Carmen Basadre, e se atopa dentro do programa de Entroido elaborado conxuntamente por varias áreas.

Este concurso está dirixido a toda a poboación, agás a profesionais da hostalería. As inscricións formalizaranse nos cinco centros sociais até un máximo de 50 persoas, aínda que o prazo oficial remata o venres.

O concurso celebrarase na praza Maior, a partir das catro e media da tarde, amenizado pola charanga Madia Leva. Unha carpa situada na parte alta da praza acollerá aos participantes e ao público.

Cada participante poderá presentar un mínimo de cinco orellas e cinco filloas, que serán xuzgadas por representantes do Concello de Lugo e da Asociación de Hostalería de Lugo.

Nesta primeira edición todas as participantes recibirán un agasallo como premio pola súa participación, aínda que a gañadora será recoñecida.

Unha vez finalizado o concurso, terá lugar unha degustación gratuíta de filloas.

OCIOTECAS

As tres ociotecas do Concello de Lugo, situadas en Fontiñas, no Centro Social Uxío Novoneyra e na Milagrosa prestarán os seus servizos de atención a menores de 12 anos tamén pola mañá durante o luns de entroido.

Esta medida ponse en marcha novamente para facilitar ás nais e pais que traballan o coidado do seus fillos nun día no que non haberá colexio pola mañá.

As tres ociotecas funcionarán de nove a dúas, en horario de mañá, e de catro a oito, pola tarde.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova