Comezan os actos do Día da Muller coa proxección do vídeo O traballo invisible das mulleres
# Martes, 06/03/2007
Este vídeo supón un recoñecemento do labor desempeñado polas mulleres ao longo da historia
As actividades de conmemoración do Día Internacional das Mulleres organizados pola Concellería de Muller e Benestar Social deron comezo esta mañá coa proxección do vídeo “O traballo invisible das mulleres”, elaborado en colaboración coa Consellería de Traballo.
O acto tivo lugar no Salón de Actos do Centro Social Uxío Novoneyra e contou coa presencia da Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre; do Delegado Provincial da Consellería de Traballo, Miguel Vázquez Calvo, e da Secretaria de Cogami, Mónica Álvarez San Primitivo.
Este vídeo realizouse co fin de dar un merecido recoñecemento ao labor desempeñado polas mulleres galegas ao longo do século XX. A montaxe recolle imaxes de mulleres realizando distintas actividades, tanto no plano doméstico como no social, que contribuíron á construcción do sistema de benestar pero que a sociedade patriarcal silenciou.
Segundo indicaron na presentación “o sistema machista imposto acadou a consideración exclusiva de traballo para todas as actividades remuneradas e desempeñadas polos homes, deixando nun plano moi inferior os traballos desempeñados polas mulleres no ámbito doméstico e en sectores vinculados á muller (ensino, sanidade, agricultura…)”.
Explicaron tamén que esta contribución social das mulleres permaneceu invisible ao longo de moitas décadas, máis a incorporación da muller ao mundo laboral e as reivindicacións levadas a cabo durante tantos anos están acabando coa política de invisibilización do papel feminino. Tal e como se recolle no documental, a evolución social ou política baseada en principios de desigualdade xa non é posible.
A Concelleira salientou a presencia da representante de Cogami e lembrou que as mulleres con discapacidade teñen que facer fronte á dobre discriminación.
Concerto de Pasión VegaAs entradas para o concerto de Pasión Vega continúan á venda na Oficina Municipal de Turismo, situada na praza da Constitución, ao prezo de 2 euros. A artista deleitará aos lucenses co seu último disco “La reina del pay-pay” o vindeiro xoves ás 22:00 horas no Auditorio Gustavo Freire.
Unha hora antes do concerto poranse á venda as entradas na taquilla do auditorio.
Compartir: