Cargando....
Concello de Lugo
06/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Oito de marzo


# Xoves, 08/03/2007
Artículo de Carmen Basadre

O dereito á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes aínda que de xeito “formal” está recoñecido non está implantado na realidade cotiá. A nosa Constitución recoñece a igualdade e o dereito á non-discriminación por razón de sexo, ao mesmo tempo que obriga aos poderes públicos a adoitar as medidas necesarias para lograla.

Pero esta discriminación segue a estar latente e hai datos contundentes que o demostran. As mulleres como media gañan un 28 por cento menos que os homes; por cada home que abandona o seu posto de traballo por razóns familiares, fano 27 mulleres; o 83% das mulleres son coidadoras de persoas con dependencia, e de cada 10 contratos temporais, 8 son ocupados por mulleres, ao mesmo tempo que supoñen o 78% dos contratos a tempo parcial.

Estes son só algúns dos exemplos, e para que estes feitos muden puxéronse en marcha distintas leis, como a de igualdade estatal, a de igualdade no emprego a nivel galego, a de violencia de xénero, as reformas da Lei do divorcio e a de autonomía persoal e atención ás persoas con dependencia. Todas estas son accións de gobernos socialistas, que apostan pola igualdade de oportunidades e estimulan o cambio social de primeira magnitude.

Trátase dun dereito de xustiza, que aumenta a calidade democrática do noso país e tamén fai unha aposta estratéxica de desenvolvemento económico. Non son leis para mulleres, senón para toda a cidadanía.

A data do 8 de marzo é un recordatorio da loita por mellorar a calidade de vida das mulleres. Serve para facer visibles as permanentes desigualdades existentes tanto no público como no privado e impúlsanos a seguir traballando.

Somos conscientes de que esa realidade non nos gusta, e é o noso deber transformala, utilizando os orzamentos locais para paliar as desigualdades entre homes e mulleres e permitir unha mellor redistribución dos recursos. Ademais, debemos seguir na liña de eliminar a linguaxe sexista en todos os órganos do goberno local, a formación en novas tecnoloxías para a igualdade de condicións, promover novas campañas de sensibilización e convenios contra a violencia de xénero, incorporar a presenza equilibrada de ambos sexos en todos os organismos dependentes do Concello e promover espazos específicos para propiciar o liderado das mulleres.

É importante colaborar dentro do marco de competencias coas outras institucións no desenvolvemento e aplicacións de todas as medidas que se poñan en marcha para acadar mellores condicións de vida das mulleres, avanzar de cara á igualdade real.

Só a través da presenza e do recoñecemento das mulleres na toma de decisións poderemos acelerar a consecución do fin polo que nos unimos este 8 de marzo: a igualdade efectiva e real de toda a cidadanía, con independencia do seu sexo.

Carmen Basadre Vázquez
Concelleira de Muller e Benestar Social.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova