Imprimir

UNS 50 MOZOS COMEZAN O CURSO DE FORMACIÓN DE MONITORES PARA A PREVENCIÓN


8/3/2007 Está organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo

O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias inicia mañá, venres, o curso de formación de monitores para prevención dende o tempo de lecer que arrincará a fin de semana do 9 e 10 de marzo.

Haberá este ano, debido ao éxito experimentado o ano pasado, tres grupos con distintos horarios de clases. O primeiro será os venres de catro a nove, o segundo os sábados de nove a dúas e o terceiro na tarde do sábado co mesmo horario que os venres. Foron admitidas un total de 50 persoas.

O curso comezará mañá por la tarde para o primeiro grupo, e o sábado para o segundo e o terceiro. Está previsto que a parte teórica remate entre o 25 e o 26 de maio e a práctica o 22 e 23 de xuño. A entrega de certificados será o día 26 dese mesmo mes. O curso consta de setenta horas dividíndose en 50 de formación teórica e 20 de práctica.

Este curso está organizado polo Concello de Lugo, a través da Concellería de Muller e Benestar Social, que dirixe Carmen Basadre, e financiado polo Plan Nacional de Drogas. O ano pasado o curso foi un éxito e a formación práctica fíxose en distintos programas que realiza o Servizo de Prevención durante o ano.