Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Unha marcha e un itinerario cultural dan continuidade a fin de semana aos actos en homenaxe ás mulleres


# Venres, 09/03/2007


A Concellería de Muller e Benestar Social, que dirixe Carmen Basadre, continúa esta fin de semana co programa de actos organizado con motivo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres, que se celebrou de xeito oficial o pasado xoves.

Trátase de actividades feitas por mulleres pero dirixidas a todo o público "para reivindicar a igualdade entre homes e mulleres, que é a finalidade destas actuacións". O programa se desenvolverá até o día 13.

O sábado repítese a experiencia do ano pasado coa celebración do Itinerario de Mulleres. Este terá lugar entre o parque Rosalía de Castro e o Museo Provincial despois de percorrer diversas prazas e rúas. O itinerario estará guiado polo escritor Xoán Ramiro Cuba Rodríguez e partirá ás 12:00 horas dende o parque.

A esta hora o Alcalde recibirá na Casa Consistorial aos membros da Asociación de Persoas Xordas de Lugo. Previamente, José López Orozco acompañará ao grupo nun percorrido polos principais monumentos da cidade.

O domingo repetirase a tradicional Marcha pola Igualdade, que chega á súa cuarta edición dando, como é tradicional, dúas voltas pola muralla en colaboración coa Concellería de Deportes. Esta marcha sairá ás once e media da mañá da praza Maior e rematará cunha chocolatada con produtos do comercio xusto que terá lugar na alameda. Estará animada por pandereteiras e cantareiras de Cantigas e Flores e polo Cuarteto do Sol.

O programa chegará ao seu final o día 13 coa presenza de Rosa Peris en Lugo. A Directora do Instituto de la Mujer manterá ás once da mañá un encontro cos periodistas, na Casa da Muller, e ás oito ofrecerá unha conferencia sobre a Lei da igualdade no Salón de Actos do Instituto Lucus Augusti.

OUTRAS ACTIVIDADES

Paralelamente, estes días convocarase un premio periodístico a nivel nacional que leva por título Muralla Aberta. Haberá dous premiados, por unha banda un artigo e pola outra unha fotografía, con 1.500 euros de remuneración para o gañador de cada categoría.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova