Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A cabalgata, acto central do programa de Nadal desta semana


# Mércores, 03/01/2007
O xoves haberá unha nova obra de teatro para todos os públicos e o domingo a banda de Música pechará a programación elaborada pola Concellería de Cultura

A cabalgata de reis será o acto central do programa das festas de Nadal que elabora a Concellería de Cultura, que dirixe Concepción Burgo.

A cabalgata terá lugar o venres, día cinco, a partir das cinco e media da tarde. Manterá o seu percorrido habitual con saída do parque da Milagrosa e chegada á praza maior sobre as 18:45 horas. As sete, as maxestades de Oriente serán recibidas polo Alcalde, José López Orozco, e a Corporación na Casa do Concello.

Dende o balcón o rei Melchor dará o seu discurso aos pequenos e pequenas da cidade de Lugo e a continuación intercambiarán agasallos co representante municipal.

Finalmente, as maxestades de Oriente recibirán ás nenas e nenos para escoitar as súas peticións de xoguetes e recibirán golosinas.

A cabalgata realizará o seu tradicional percorrido pola Avenida da Coruña, praza de Ferrol, San Marcos, praza de Santo Domingo, Raíña, e praza Maior.

Aínda que non se desvelaron moitas das sorpresas que haberá, sábese que haberá catro carrozas e grupos de animación entre todas elas. Participarán nos desfile os mesmos grupos que otros anos e ademais haberá novidades, que serán desveladas esa mesma tarde.

Repartiranse coma sempre centos de quilos de caramelos, que foron cedidos por Begasa, Carrefour e la Caixa e outros que foron comprados a Solidariedade Internacional a través do comercio xusto.

Dentro do programa do venres, tamén haberá cantos de reis, a cargo da Asociación cultural María Castaña, ás cinco da tarde no fondo da praza Maior.

Mentres tanto, mañá, ás seis e media tarde, haberá unha nova obra de teatro familiar, recomendada para nenas e nenos a partir de seis anos, no auditorio Gustavo Freire. Trátase da obra A viaxe de Efi, a cargo de La imagina Machina. Esta obra represéntase dentro do convenio do Concello co Igaem, no que tamén se incluíron as outras obras de teatro que se representaron durante estas festas.

Os prezos desta representación serán novamente populares, con 3 euros para adultos e 1,5 euros para pequenos e a venda de entradas pode facerse de xeito anticipado a través da web www.caixanova.es ou no número de teléfono 902 504 500. Tamén se venderán unha hora antes do comezo da representación no propio auditorio.

O programa de Nadal chegará ao seu remate o domingo día 7 con tres novas actuacións musicais. A primeira estará cargo do orfeón Xoán Montes, que terá lugar ás doce na igrexa das Gándaras. Seguirá, á unha, o concerto do coro de San Francisco Javier na igrexa de Nadela, para rematar á mesma hora na praza Maior co concerto de Aninovo da Banda Municipal de Música.

O programa de Nadal queda completado coa celebración de Xuvenlugo, con atraccións, obradoiros de animación, karts e pista de xeo as tardes do 22 de decembro ao 7 de xaneiro. Destaca tamén a realización dunha nova edición da feira de artesanía Arte Nadal, que pecha o venres as súas portas.

A programación poden consultarse integramente na web municipal, www.lugo.es.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova