Imprimir

DISCURSO DO REI MELCHOR NA SÚA VISITA A LUGO


5/1/2007 (Noite do 5 de xaneiro de 2007)

BOAS NOITES, QUERIDOS NENOS E NENAS
BOIAS NOITES, QUERIDAS XENTES DE LUGO

Que marabilla estar de novo en Lugo! Debo dicir que é para min unha grande ledicia ter de novo a ocasión de visitar esta cidade. Tanto para min como para os meus inseparables amigos, o Rei Gaspar e o Rei Baltasar, é fantástico pasar por aquí cada Nadal.

Lugo, a capital galega co máis fermoso patrimonio histórico romano; a cidade máis representativa do Camiño Primitivo que conduce aos peregrinos cara a Compostela; a preciosa cidade das famosas festas do San Froilán; o pobo da fermosa Muralla, única no mundo, Patrimonio da Humanidade; Lugo: a capital da boa comida, do magnífico pulpo!

Pero, queridos nenos e nenas: ¿SABEDES QUE É O QUE REALMENTE MÁIS NOS GUSTA DE LUGO? ¿SABÉDELO?

O que máis nos gusta de Lugo sodes todos vós, a súa boa xente. Ver toda esta praza chea de xente, e as rúas abarrotadas para saudarnos, é o mellor agasallo para nós. Por iso, moitísimas grazas polo voso cariño e pola vosa cálida benvida.

Queremos dar un agradecemento especial aos maiores que con paciencia agardan aquí cada ano por nós, especialmente aos máis maiores, por facer posible que en cada familia perviva a ilusión e a maxia desta noite.

Os Reis Magos, aínda que vimos de Oriente, sabemos que os lucenses merecen moitos regalos este ano.

E os nenos e nenas, ¿FOSTES BOS ESTE ANO?
NON SE ESCOITA, ¿FOSTES BOS ESTE ANO?

Xa nolo dixo o Alcalde. Por iso recibimos cartas nas que pedíades listas de regalos mooooi, moooooi longas.

Pero vós sabedes que os nosos renos teñen que cargar con regalos para todos os nenos do mundo, ¿verdade? ¿VERDADE QUE SI?

Por iso non podemos levarvos toooooooooodo o que pedistes, porque é moitiiiiiiiísimo! E hai que repartir, porque os regalos teñen que chegar para todos. ¿HAI QUE REPARTIR, SI OU NON?

Pois ben, estamos de acordo.

Pero antes de rematar, quero darvos unha sorpresa: quero adiantarvos que este ano teredes un agasallo conxunto, para todos os nenos e nenas de Lugo. Como fostes tan bos, traeremos a Lugo a Casa das Linguas, unha casa grande onde poderedes xogar, ver películas e entrar en Internet e ao mesmo tempo aprender outros idiomas.

Pero aínda hai máis: remodelaremos os parques infantís, concretamente nos barrios de Sindicais, Sagrado Corazón, Acea de Olga e Praza Roxa. E para que teñades máis sitio aínda para xogar, haberá dous novos parques infantís: en Fonte dos Ranchos e Augas Férreas. ¿PARÉCEVOS BEN? ¿PARÉCEVOS BEN QUE HAXA MÁIS PARQUES?

Ben, temos moitas ganas de falar con vós. Veña, esperámosvos dentro.

Bicos para todos e ata o ano que vén !!