Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde visita as obras de construción do novo centro social de Entrecarrís


# Luns, 26/03/2007
Os traballos van moi avanzados e xa son visibles os cimentos do edificio

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, visitaron as obras de construción do novo centro social de Entrecarrís, situado no Carril das Hortas. Os traballos están moi avanzados e xa son visibles os cimentos do edificio. O Alcalde anunciou que en poucos días presentará o proxecto doutro centro social de nova creación: o da Piringalla.

O centro social de Entrecarrís ten un orzamento de 2.444.955 euros e un prazo de execución de 16 meses. Polo de agora a aportación de Xunta foi de 300.000 euros aínda que, como sinalou o Alcalde, "existe o compromiso de que vai aportar máis cantidade e nós confiamos niso".

O Alcalde colocou simbolicamente a primeira pedra da obra, que está sendo executada por Taboada y Ramos. Estas instalacións contarán cun centro social aberto a toda a poboación e "un centro de día para 50 persoas que vai completar o servizo que vén dando o Concello no centro de Antonio Gandoy, nas Gándaras e coas prazas concertadas con dúas entidades privadas -Sanyres e Abrite-", explicou o rexidor.

Para López Orozco estas infraestruturas son de vital importancia porque "o 20% da poboación do noso concello ten máis de 65 anos. É moi importante facer obras pero o máis importante de todo é a cohesión social", afirmou. "A Lei de Dependencia do Goberno central é unha lei de dereitos que nos obriga a todos. Aquí estamos cumprindo dereitos", dixo.

O Alcalde adiantou que en poucos días presentará o proxecto do centro social da Piringalla. Contará tamén coa segunda Casa das Linguas da cidade, xa que a primeira será construída en Aceña de Olga.

Investimento como nunca
O Alcalde destacou que o Goberno central está a investir no municipio de Lugo preto de 200 millóns de euros en obras de gran importancia. Todas elas están publicadas no BOE, "non son promesas", afirmou.

A xestión municipal está dando os seus froitos. López Orozco puxo como exemplo proxectos como os das autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense, o desdoblamento de Nadela ou o da Campiña, a nova potabilizadora, a nova depuradora de augas, etc.

Contestou así ó Presidente do PPdG, que criticou onte ó Alcalde. Para López Orozco "lles parece mal que meu despacho estea na rúa, que visite os barrios, a zona rural, o centro... a eles lles molesta porque fan distinción de persoas".


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova