Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde inugura a exposición do puzzle xigante que acolle o Centro Social de Fingoi


# Martes, 27/03/2007


O Alcalde, José López Orozco inaugurou xunto á Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre o puzzle xigante no Centro Social de Fingoi. Neste acto oficial, no que tamén estiveron presentes outros membros do goberno municipal, foi presentado, ás seis desta tarde, o monumental quebracabezas construído por voluntarios.

A última peza deste puzzle xigante foi colocada o pasado 6 de marzo e despois das tarefas de enmarcado xa se pode contemplar en todas as súas proporcións, que superan o 1´56 metros de alto por 3'21 metros de ancho, nunha das paredes deste centro sociocultural.

O Alcalde felicitou a todos os participantes pola súa paciencia e agradeceulles o esforzo de dedicar unha tarde á semana "para construir esta peza abraiante que agora podemos gozar todos os lucenses". José López Orozco destacou a importancia de desenvolver programas de animación sociocultural que se adapten aos gustos dos cidadáns e " este é un gran exemplo, pois implicou a traballadores, persoas con discapacidade, turistas e a voluntarios. Hai que recuperar a utopía da imaxinación ao poder e fomentar actividades atractivas, orixinais e entretidas".

A Concellería de Muller e Benestar Social programou esta actividade fai case un ano, ao longo do cal decenas de lucenses, turistas e os traballadores do centro participaron na súa construción en sesións de dúas horas unha tarde á semana.

Os participantes e a monitora organizaron a colocación das 18.000 pezas en varias fases, que se iniciaron coa selección dos anacos e a súa agrupación por cores e texturas en 60 caixas antes de proceder a súa montaxe.

A colocación das pezas realizouse por cuadrantes debido á enormidade do proxecto. O debuxo dividiuse en tres partes: dúas laterais de 4.500 pezas e unha central de 9.000. Este quebracabezas reproduce un enorme retablo do pintor alemán Rogier van der Weyden e está considerado o máis grande dos puzzles que están á venda, tal e como indicou a empresa especializada Educa.

Ademais das decenas de lucenses que colaboraron na construción do puzzle tamén traballaron neste proxecto diversas asociacións de persoas con discapacidade, como Aspnais e o Colexio de San Vicente de Paúl, entre outras.

Nos meses de xullo e agosto o puzzle xigante convertiuse nun atractivo turístico para os visitantes da cidade e foron moitos os que se achegaron ao Centro Social de Fingoi para participar nesta actividade.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova