Imprimir

O CONCERTO DE JIE CHEN DA CONTINUIDADE AO PROGRAMA DA SOCIEDAD FILARMÓNICA


9/1/2007 Será o luns no Círculo das Artes, ás oito e media da tarde

A pianista Jie Chen dará continuidade o luns á tempada de concertos 2006/07 da Sociedad Filarmónica de Lugo.

Esta actuación terá lugar, como é tradicional, no entorno do salón rexio do Círculo das Artes, a partir das oito e media da tarde do día 15.

A programación dos concertos, elaborada por este colectivo, que este ano cumpre 70 anos de existencia en Lugo, está subvencionada pola Concellería de Cultura do Concello de Lugo con 2.500 euros.

A tempada actual prolongarase ata o mes de xuño e nela se contempla a celebración de dez concertos, abrindo e pechando sempre coa actuación dunha orquestra.

A pianista Jie Chen ten unha importante traxectoria como concertista e numerosos galardóns no seu palmarés. Obtivo o primeiro premio no Concurso Internacional de Piano de Minneapolis (2004), que representa só un dunha longa serie, por non falar do seu terceiro premio e Medalla de Bronce do XV Concurso Internacional de Piano de Santander Paloma O’Shea. Os máis recentes triunfos son o primeiro premio no Concurso Internacional Young Concert Artist Manegement e o segundo premio e medalla de prata no Concurso Internacional de piano Villa-Lobos de Brasil.

Nacida en Guang Dong, na Repúlica Popular China, no 1985, iniciou os seus estudos musicais na Escola de Música Especial do Conservatoria de Música de Shanghai con Er-Yao Lin e Zi-Jie Wu. Completou a súa formación no Curtis Institute of Music de Filadelfia e máis tarde en Nova York.

Na primeira parte do concerto interpretará cinco sonatas de Scarlatti e a Chacona en Re menor de JS Bach e F. Busoni.

Na segunda parte as Variaciones sobre un tema de Händel, Op.24 de Brahms e a peza Los Requiebros das Goyescas de Granados pecharán a actuación.

O próximo concerto terá lugar o día 10 de febreiro e estará a cargo de Art Trío Bohemia.