Imprimir

O CONCELLO ARRINCA UNHA NOVA EDICIÓN DAS AULAS ABERTAS E AS OCIOTECAS AMPLÍAN O HORARIO POLA MAÑÁ


30/3/2007 Esta medida tómase para axudar na conciliación da vida familiar e laboral das familias lucenses durante as vacacións escolares

A Biblioteca do Centro Social de Fingoi será sede os próximos días non lectivos das actividades do programa Aula Aberta, organizada pola Concellería de Muller e Benestar Social.

Con esta aula aberta preténdese dar continuidade ás actividade programadas o ano anterior para dar resposta ás necesidades de formación e ocio alternativo durante os días nos que se suprimen as clases nos centros educativos.

Por isto, o programa está destinado a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos e a aula estará aberta os días 2, 3, 4 e 9 de abril de nove a dúas e de catro a oito e media, o que serían 28 horas distribuidas en 8 sesións, catro pola mañá e catro pola tarde.

A entrada nestas aulas é libre e gratuíta e mantense a liberdade de horario de entrada e saída, para facilitar o servizo segundo as disponibilidades dos pais. Esta medida tómase todos os anos por parte do Concello para axudar na conciliación da vida familiar e laboral durante os periodos de vacacións escolares.

Os contidos destas aulas consistirán en animación á lectura, taller de escritura, contacontos, dramatizacións, confección dunha revista, actividades de concentación e atención, habilidades sociais e xogos.

A metodoloxía de traballo estará en función da idade dos participantes, sendo estas individuais o en grupo, e potenciando en todo momento a participación activa e a cooperación. O papel dos monitores será por tanto de orientadores.


OCIOTECAS

Por outra banda, e como vén sendo habitual no Concello, as tres ociotecas do Concello ampliarán o seu horario de atención, en xornada de mañá e tarde, para cubrir o tempo de suspensión das clases con motivo da celebración da Semana Santa nos centros de ensino.

Así, os días 2, 3, 4, e 9 de abril as ociotecas de Fontiñas, Milagrosa e Uxío Novoneyra funcionarán a partir das nove da mañá e até as dúas e pola tarde co mesmo horario que o resto do ano.