Imprimir

O PLAN DE CALIDADE COMEZA UN NOVO CICLO FORMATIVO COA CREACIÓN DE GRUPOS DE MELLORA


15/1/2007 Haberá dúas sesións co fin de facilitar a asistencia aos servizos e establecementos adheridos

O Centro Social Municipal Uxío Novoneyra acolle mañá, martes, unha nova xuntanza dentro do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) posto en marcha polo Plan de Excelencia Turística. Esta xuntanza ten como obxectivo crear Grupos de Mellora.

Como vén sendo habitual, haberá dúas sesións, ás 16:30 e ás 18:30 horas, co fin de facilitar a asistencia de todos os servizos e establecementos turísticos da cidade adheridos ao proxecto.

Os Grupos de Mellora están concibidos como foros de participación dos diferentes sectores (hostaleiros, oficinas de turismo, axencias de viaxes, comercios, taxistas, etc) para identificar e expoñer as necesidades de mellora de Lugo como destino turístico.

Nesta reunión recolleranse as dificultades coas que se atopa cada sector e propoñeranse posíbeis accións e solucións. Estas propostas elevaranse ao Consello Técnico de Calidade Turística de Lugo para a súa priorización e resolución.

Están convidadas a participar na sesión tanto as novas empresas adheridas ao Plan de Calidade Turística, como as empresas xa distinguidas co selo de Compromiso de Calidade.

O obxectivo do SICTED é situar á cidade de Lugo no camiño da mellora continua das súas empresas e servizos turísticos co fin de posicionarse como un destino turístico de calidade que lle permita diferenciar e consolidar a súa oferta.