Imprimir

CONTINÚA ABERTA A INSCRICIÓN PARA O CONCURSO PERIODÍSTICO MURALLA ABERTA


10/4/2007 O prazo de presentación de traballos remata o 20

A Concellería de Muller e Benestar Social, que dirixe Carmen Basadre, mantén aberto o prazo de participación na primeira edición do Concurso Periodístico Muralla Aberta. Este certame está creado polo Concello coa intención de fomentar a igualdade entre homes e mulleres.

Esta convocatoria está aberta a todos os xornalistas e fotógrafos que realizaran traballos sobre a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, o papel das mulleres dentro dalgún ámbito ou sobre a loita contra a erradicación da violencia de xénero.

As bases establecen dúas categorías de participación, unha para cada peza periodística (artigo, reportaxe, etc.) e outra para fotografía periodística. Outro requisito, aparte da temática, é que os traballos foran publicados nalgún medio de comunicación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2006.

O prazo de presentación estará aberto até o 20 de abril de 2007 e todos os interesados en participar deben remitir os seus traballos á Casa da Muller. O certame destinará 3.000 euros en premios, que se reparten nun cheque de 1.500 euros para cada categoría. A resolución do concurso realizarase o vindeiro 30 de abril.

Para máis información poden consultarse as bases na páxina web municipal www.lugo.es ou poñerse en contacto coa Casa da Muller, no teléfono 982 20 63 36.