Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Teatre Lliure abre o luns a Mostra de Teatro Clásico


# Venres, 26/01/2007
Será no Auditorio Gustavo Freire, ás oito e media da tarde

A adaptación do clásico de William Shakespeare Ricardo III do Teatre Lliure inaugura o luns a Mostra de Teatro Clásico, organizada pola Concellería de Cultura en colaboración con Caixanova.

Trátase dunha das citas ineludibles do panorama cultural galego, que conta durante pouco máis dunha semana con sete representacións, todas elas no marco do Auditorio Gustavo Freire, a partir das oito e media da tarde.

Novamente volven a Lugo sete grandes compañías, unha delas galega, para presentar traballos doutros tantos autores que realizaron adaptacións moi variadas de clásicos de todas as épocas.

A obra que abrirá a Mostra, Ricardo III de William Shakespeare, é unha adaptación moi atrevida deste clásico, levado ao século actual nunha truculenta historia. Empeza a historia nunha escola privilexiada de Estados Unidos, onde non existe nin marxinación nin violencia.

Un rapaz e o seu amigo, cansos de ser os patiños feos e desprestixiados deste colexio cheo de estrelas, comezan un proceso de armamento que lles permite poder atacar o centro e acabar con todos aqueles que envexan.

A compañía Teatre Lliure foi creada no 1976 por un grupo de profesionais vinculados ao teatro independente. Singularizouse dende o seu comezo pola súa aposta polo teatro de texto, coa relectura dos clásicos e o compromiso coa creación contemporánea. Tras varias direccións exitosas, comeza no 2003 un novo ciclo no que se aposta por unha programación teatral innovadora, unha ampla presenza da danza contemporánea e da música escénica.

Máis representacións
Continuarán as representacións o día 30 coa obra El enfermo imaginario, de Jean Baptiste Poquelin Molière, que estará a cargo de Morboria teatro. Nesta representación intégranse a música e a danza cunha magnífica interpretación.

O día 1 de febreiro será o Mágico prodigioso, de Calderón, o que poderá verse da man de MP Mágico Prodigioso. Trátase dunha comedia que se desenvolve na Antioquía do século III, combinando elementos do mito de Fausto con episodios das vidas dos mártires Cipriano e Xustina.

O venres día 2 Alquibla Teatro interpretará Orestíada, unha versión libre destes famosos textos clásicos. O sábado será a vez dun Macbeth interpretado por un dos grupos de teatro galegos máis representativos: Sarabela.

O domingo Santi Rodríguez chega a Lugo con Ave Sosia, como actor principal da compañía Los Ulen e Centro Andaluz de teatro. Textos de Aristófanes e Plauto serán o centro desta comedia da época dos césares.

Libélula Producciones pechará o ciclo con El Trovador, unha obra romática, unha época moi pouco tratada polo panorama teatral español e que foi elevada á fama máis absoluta coa adaptación de Guissepe Verdi para a súa ópera do mesmo nome.

Prezos populares
A documentación sobre os distintos grupos e as obras que se verán en Lugo pode consultarse na web municipal, www.lugo.es.

As representacións teñen uns precios populares, que baixan máis cos bonos que se venderon a 49, 35 e 21 euros, dependendo da zona do Auditorio. Por outra banda, cada entrada terá un prezo de 12, 9 e 7 euros, con descontos para estudantes, persoas en paro e xubilados. Unha vez rematado o prazo de venda de entradas e de bonos de xeito anticipado, poderán mercarse no propio Auditorio dende unha hora antes do comezo da obra.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova