Imprimir

ALQUIBLA TEATRO REPRESENTA ORESTÍADA DENTRO DA MOSTRA DE TEATRO CLÁSICO


1/2/2007 Será o venres no Auditorio Gustavo Freire, ás oito e media da tarde

A Orestíada chega o venres ao Auditorio Gustavo Freire dentro do programa da Mostra de Teatro Clásico, organizada pola Concellería de Cultura en colaboración con Caixanova. Será, como estes días atrás, ás oito e media da tarde e estará a cargo de Alquibla Teatro.

Esta mostra é unha das citas ineludibles do panorama cultural da cidade, que conta durante pouco máis dunha semana con sete representacións, todas elas no marco do Auditorio Gustavo Freire e co mesmo horario.

Novamente volven a Lugo sete grandes compañías, unha delas galega, para traer traballos doutros tantos autores que realizaron adaptacións moi variadas de clásicos de todas as épocas.

Esta obra que se representa mañá, cautivou, dende o seu estreno no 458 a.C., a autores como Sófocles, Eurípides e Séneca, entre outros moitos que non puideron resistirse á forza deste drama de paixóns humanas e divinas que recolle nunha triloxía a traxedia dos Atridas tralo retorno de Troia.

Está dirixida por Antonio Suara, con música orixinal de Slavador Domínguez. O elenco está formado por Ángeles Tendero, Julio Navarro, Alfredo Zamora, Susi Espín, Lola Martínesz, Pedro Segura, Esperanza Clares e Jacobo Espinosa. No coro participan membros da compañía.

O obxectivo principal desta versión é xuntar nun só espectáculo os ditintos episodios que relataban cada un dos tráxicos grecolatinos, sacando novamente os trazos que facían posible volver comprender e sufrir o conflito e a catástrofe deste heroes.

O argumento relata tamén o enfrontamento familiar dos Atridas , que permite unha reflexión sobre o presente a partir do pasado, a ambición do poder e os seus tráxicos desenlaces, sempre que o final sexa unha exhortación á paz, para non responder nunca á violencia con máis violencia e que o desexo de vinganza sexa apaciguado pola xustiza nun estado democrático.

A compañía Aquibla foi fundada no 1984 por Esperanza Clares e Antonio Saura. É unha das compañías máis estables do mediterráneo e o seu repertorio está formado por autores clásicos e contemporáneos, cunha mirada atenta aos dramaturgos murcianos e un público destinatario adulto, xuvenil e infantil.

Esta compañía recibiu diferentes premios dende a súa formación, destacando a calidade dos seus espectáculos e a súa innovación.

O sábado a mostra continuará con Macbeth, interpretado por un dos grupos de teatro galegos máis representativos, Sarabela.

O domingo Santi Rodríguez chega a Lugo con Ave Sosia, como actor principal da compañía Los Ulen e Centro Andaluz de teatro. Textos de Aristófanes e Plauto serán o centro desta comedia da época dos césares.

Libélula Producciones pechará o ciclo con El Trovador, unha obra romática, unha época moi pouco tratada polo panorama teatral español e que foi elevada á fama máis absoluta coa adaptación de Guissepe Verdi para a súa ópera do mesmo nome.

A documentación sobre os distintos grupos e as obras que se verán en Lugo pode consultarse na web municipal, www.lugo.es.

As representacións teñen uns prezos populares, sendo de 12, 9 e 7 euros cada entrada, con descontos para estudantes, persoas en paro e xubilados. A venda de entradas realízase no propio Auditorio dende unha hora antes do comezo da obra.