Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello aposta pola danza para ampliar a súa programación cultural


# Martes, 06/02/2007
A Concelleira salientou que se trata de cubrir un campo artístico pendente

A cidade acollerá varios espectáculos de ballet nas vindeiras semanas

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentou xunto a Olga Cristina Ruíz López, representante do IGAEM, e Begoña Acuña, Presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Danza, a Mostra de Coreografías Premiadas que terá lugar o luns, día 12, ás 20:30 horas no Auditorio Gustavo Freire.

Concepción Burgo destacou que o Concello ten intención de ampliar a súa programación cultural para cubrir as distintas manifestacións artísticas aínda non contempladas nos programas, como era o caso da danza. A edil explicou “que agora que Lugo goza de varios certames de teatro e varios festivais de música afianzados e de gran calidade, pódese apostar por outras artes”. Como mostra desta intención, salientou que nas vindeiras semanas Lugo acollerá tres espectáculos de danza de primeiro nivel.

Esta mostra recolle unha escolma de catro coreografías galardonadas nos principais certames de España e supoñen un recoñecemento aos novos creadores que apostan pola vangarda e a innovación na danza.

A primeira delas é a obra Delicias de la civilización dirixida por Leire Ituarte e que recibiu o terceiro premio no Certame Coreográfico de Maspalomas.

A segunda, La Chaconera de Selene Muñoz, foi galardonada á Mellor imaxe escénica no Certame de Danza Española de Madrid e participou nos Festivais Flamencos de Nova York e Londres.

A terceira obra é a titulada En la cuenca de tus ojos dos coreógrafos Armando Martén Caballero, Ana Beatriz Pérez Enríquez, Kirenia Martínez Acosta e Alexis Fernández Ferrera. Estes catro profesionais recibiron os primeiros premios no V Certame Internacional de Coreografía de Burgos & New York e no IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia en 2006.

A última seleccionada para pechar esta mostra é o espectáculo titulado Osario deseñado por Valeria Alonso. Esta obra foi recoñecida co primeiro premio no XX Certame Coreográfico de Madrid.

As entradas poderán adquirirse dende o mércores na Oficina de Turismo da praza da Constitución en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 a 19:00 horas pola tarde. O luns poderán mercarse na taquilla do auditorio dende unha hora antes do comezo do espectáculo. As entradas teñen o prezo de 3 euros e non serán numeradas.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova